65 nenos de Ames participaron durante o mes de xullo nos cursos de natación municipais

Instante do curso de natación
Un total de 65 nenos e nenas amienses participaron nos cursos de natación que desenvolveu durante o mes de xullo o Concello de Ames, a través da concellaría de Deportes, tanto na piscina municipal de Bertamiráns como na do Milladoiro. Ademais, entre o 1 e o 30 de agosto estase impartindo a segunda quenda desta actividade municipal, neste caso para o alumnado que se inscribiu nos cursos de natación do mes de agosto. O programa destes cursos está dedicado a ocupar o tempo libre de nenos e nenas durante as vacacións do verán e, ao mesmo tempo, aprender a nadar ou perfeccionar o seu estilo de natación.
Durante o mes de xullo as piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro acolleron a un total de 65 nenos e nenas, que participaron nos cursos de natación organizados polo Concello de Ames. Ademais de gozar da auga, os rapaces e rapazas aprenden a nadar ou perfeccionar o seu estilo. O programa está dedicado a ocupar o tempo de lecer dos nenos e nenas durante as vacacións do verán. Deste xeito, tamén aprenden a practicar un deporte novo. En xullo, cubríronse 40 prazas en Bertamiráns e 25 no Milladoiro.
Os usuarios/as repártense en diferentes horarios ao longo da mañá. Deste xeito, os maiores de 12 anos asisten ao curso de 10:30 h a 11:15 horas. Aos rapaces de 10 a 11 anos tócalles a segunda quenda, de 11:15 h ás 12:00 horas. De 12:00 h á 12:45 horas desenvólvese a terceira quenda, á que asisten os rapaces de 8 a 9 anos, e de 12:45 h a 13:30 horas van os nenos e nenas de 6 a 7 anos. A última quenda resérvase para os máis cativos, de entre 3 e 5 anos, e levase a cabo de 13:30 h a 14:15 horas.











