44 profesionais velarán pola seguridade e as emerxencias en Pontevedra durante a tirada de fogos de artificio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPontevedra
A-
A+

A Concellaría de Festas, en coordinación con outros servizos do Concello, xa ten ultimado o plan de seguridade e emerxencia para a tirada de fogos de artificio no peirao das Corvaceiras do vindeiro sábado, 10 de agosto.

Ao respecto do Plan de seguridade inclúe que a zona do lanzamento estará protexida –antes da chegada do material- por un valado perimetral, situado a 75 metros do artificio de maior calibre, e por un vixiante de seguridade de explosivos. O público situarase detrás deste valado protector.

Durante o desenvolvemento do espectáculo, a protección correrá a cargo da Policía Local que se encargará de coordinar a todos os efectivos dispostos na zona e de desviar o tráfico. Haberá unha dotación de ambulancias, persoal de Protección Civil que apoiará á Policía e aos Bombeiros que tamén estarán presentes na zona.

As vías de comunicación estarán pechadas media hora antes do inicio do espectáculo.

O equipo humano e o material necesario previsto para garantir a seguridade é o seguinte:

• Xefe de emerxencia

• 8 bombeiros

• 10 polícas locais

• 20 voluntarios de Protección Civil

• 4 sanitarios

• 1 técnico pirotécnico

• 2 vehículos de extinción de incendios

• 3 vehículos policiais

• 2 vehículos de Protección civil

• 2 ambulancias

No tocante ao Plan de emerxencia, o posto de mando estará situado nas dependencias da Policía Local dende onde se realizarán funcións de dirección, coordinación e apoio ás tareas de emerxencias.

En situación de normalidade, os bombeiros estarán situados estratéxicamente para unha rápida actuación no caso de incidente. A Policía Local dirixirá o control de mando, fará os movementos oportunos para o desvío da circulación e controlará a todos os efectivos de emerxencia dispostos na zona.

O equipo tamén disporá dun conselleiro de seguridade (experto en pirotecnia) que prestará información e asesoramento aos distintos efectivos, dos principais riscos e forma de actuación ante a presenza de artificios pirotécnicos.

O persoal de Protección Civil acordonará a zona do espectáculo coa prohibición do paso de peóns. Ademais, diversos servizos contribuirán a sinalizar a prohibición ao paso de persoas, e á circulación e estacionamento de vehículos.

A asistencia sanitaria estará situada en lugares estratéxicos para a rapida actuación e evacuación.

No caso dunha situación de emerxencia, as funcións dos distintos servizos e unidades intervintes será a seguinte:

• Bombeiros: inspección, rescate e salvamento. Extinción de lumes.

• Policía Local: coordinación das unidades intervintes, manter a orde no lugar da emerxencia, manter a seguridade, controlar o tráfico; e cooperar ou intervir con medios propios até que non cheguen outras unidades de control.

• Conselleiro de seguridade (experto en pirotecnia): dar información sobre precaucións, forma de actuación, manipulación…

• Protección Civi: cooperación no control do tráfico e cos bombeiros nos traballos solicitados.

• Servizos: balizar o lugar da intervención e cortar o suministro eléctrico no caso de ser preciso.

• Asistencia sanitaria: facer os primeiros auxilios e evacuar aos feridos.

Os medios humanos e materiais do Plan de emerxencia son os mesmos que os do Plan de seguridade.

A tirada de fogos de artificio do sábado desenvolverase no peirao das Corvaceiras dende as 23.59 horas, e terá unha duración 1.080 segundos (18 minutos). A concentración e disposición de medios de seguridade farase media hora antes do comezo do espectáculo. Previamente, as zonas de lume e ás destinadas ao público estarán debidamente sinalizadas e balizadas, respectando as distancias de seguridade.

Tendo en conta os postos nos que estarán situadas as ambulancias, os itinerarios de evacuación serán os seguintes:

• Complexo Hospitalario de Pontevedra (Provincial e Montecelo)

• Hospital Domínguez

• Ambulatorio Virxe Peregrina.

8 de agosto de 2013 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.