132 rapaces participaron nos cursos de natación do Concello de Oroso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOroso
A-
A+
Clausura do curso de natación

Clausura do curso de natación

Preto de medio milleiro de persoas encheron as instalacións da piscina municipal de Sigüeiro para participaren na gran festa de clausura dos cursos de natación gratuítos do Concello de Oroso, nos que participaron un total de 132 rapaces e rapazas de idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos. Unha festa que comezou ás catro da tarde e que incluíu a instalación dun inchable na piscina, que disfrutaron os máis novos.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Deportes, Luís Rey, foron os encargados de entregar os diplomas acreditativos a cada un dos 132 rapaces e rapazas. O alcalde orosán felicitou aos participantes e aproveitou para convidar aos seus familiares a participar no Aquagym, que dará comezo mañá venres.

Esta nova actividade gratuíta organizada polo Concello de Oroso terá lugar todos os luns, mércores e venres do mes de agosto, ás 12:00 horas. Poderán participar nelas todos os usuarios da piscina municipal de Sigüeiro que o desexen, sen necesidade de anotarse previamente. Así, durante eses tres días á semana a piscina orosá acollerá esta modalidade de fitness acuático que combina os exercicios para a tonificación muscular coa música e a diversión.

1 de agosto de 2013 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.