Xa está a disposición dos grupos municipais o documento do novo Plan Xeral de Urbanismo de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

Como comunicou a concelleira de Urbanismo, Áurea Soto, por escrito aos representantes dos grupos políticos que integran a Corporación Municipal, dende hoxe, mércores 31 de xullo, está a disposición dos membros da Corporación, en horario de mañá de 10.00h a 13.00h, no edificio de Urbanismo, o documento do Plan Xeral de Urbanismo, que será sometido a aprobación inicial no mes de outubro.

Así mesmo, a consulta do documento, que pode realizar calquera membro da Corporación, realizarase acompañado pola Xefa de Servizo de Planeamento e Xestión, ou pola arquitecta de Planeamento e Xestión, que estarán a disposición dos que accedan a consultar o documento para solucionar as súas posibles dúbidas e atender as súas consultas.

O documento estará dispoñible durante todo o mes de agosto, e na primeira quincena do mes de setembro e debido ao seu carácter confidencial, dada a información privilexiada que contén, informarase a aqueles e aquelas que accedan a consultalo que deben guardar cautela con respecto á información que contén.

Pasado este periodo de consulta, o Concello procederá a súa aprobación inicial e unha vez dado este paso será sometido a información pública durante o prazo de dous meses, prazo no que simultáneamente se lle dará audiencia aos municipios limítrofes e o Concello recabará os informes sectoriais necesarios.

No trámite de información público, todo aquel interesado ou interesada poderá formular consultas e alegacións ao documento, nun prazo de dous meses.

Áurea Soto, concelleira de Urbanismo, subliñou a importancia do documento e a súa necesidade. “O documento quere xerar un plan sostible e sólido, cunha previsión residencial máis matizada que o anterior e que incorpora tódolos proxectos estratéxicos da cidade, coma o termalismo e a integración da alta velocidade na cidade, así coma o posible crecemento industrial”.

Dende a recepción no Concello do documento do Plan Xeral, en novembro de 2012, que foi remitido á Secretaría Xeral de Infraestruturas para informe previo, o equipo redactor do mesmo mantivo reunions mensuais cos voceiros dos grupos políticos, para explicar a súa estrutura e funcioinamento, cun total de 7 xuntanzas dende o mes de xaneiro.

Agora a Corporación ten acceso ao documento, que xa ten incorporados os informes previos requeridos pola LOUGA para a súa aprobación inicial.

31 de xullo de 2013 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.