Vilagarcía oferta 50 prazas no obradoiro “Eu tamén sei cociñar”, dirixido a nenos de 6 a 9 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Área de Igualdade do Concello convoca de novo “Eu tamén sei cociñar”, unha actividade que vén obtendo un notable éxito en cada convocatoria de verán. O obradoiro de cociña e tarefas do fogar conta co financiamento da Secretaria de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo . Ten por obxectivo revalorizar entre os nenos e nenas a importancia dos saberes que tradicionalmente foron asignados ás mulleres, como un xeito de romper cos estereotipos sexistas no entorno da infancia e potenciar unha autonomía persoal que favoreza a corresponsabilidade dentro do fogar.

Dirixido a nenos e nenas de 6 a 9 anos de todo o municipio, a actividade se desenvolverá dende o 1 de agosto ao 6 de setembro, de luns a venres, con horario de 10,00 a 13,00 horas, e estará impartido por persoal especializado con formación en igualdade de xénero. O obradoiro se impartirá nos centros culturais que dispoñen de cociña: os luns, será no centro cultural de Bamio; os martes, no de Cornazo; os mércores, en Trabanca Badiña; os xoves, en Trabanca Sardiñeira; e os venres, novamente na casa de cultura de Trabanca Badiña, se ben con alumnado diferente.

En total ofértanse 50 prazas e serán os pais e as nais, ou as persoas responsables da nena ou neno, os que se encargarán do seu traslado ao centro e da súa recollida. O prazo de inscrición será do 15 ao 23 de xullo nas dependencias da Área de Igualdade (planta baixa da Casa Consistorial), onde se poderá recoller a folla de solicitude e consultar as bases de participación. Toda esta información estará exposta tamén na páxina web do Concello.

A actividade enmárcase dentro do II Plan de Igualdade do Concello de Vilagarcía. Por unha banda, na área de Calidade de vida, materializando o seu obxectivo 3: “Visibilizar a sobrecarga de traballo que soportan as mulleres derivada da dobre xornada así como as súas consecuencias, e fomentar a corresponsabilidade”. Por outra, na área de Educación en Igualdade, de cara a consecución do seu obxectivo 1: “Potenciar a coeducación e a educación en igualdade a través de actividades formativas, de difusión e de sensibilización”. O obradoiro tamén responde aos obxectivos propostos dentro do I Plan de Conciliación da vida persoal, familiar e profesional da cidadanía de Vilagarcía de Arousa, e que pretende que dende as administracións públicas se facilite a conciliación, non só a través da promoción da corresponsabilidade social, senón tamén mediante a adecuación dos servizos ás necesidades da cidadanía.

13 de xullo de 2013 | 10:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.