Vilagarcía desaconsella o baño nas praias da Concha e Compostela tras detectar niveis microbiolóxicos superiores aos permitidos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Delegación Territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra comunicou esta mañá ao Concello que os niveis de concentración microbiolóxica nas augas das praias da Concha e Compostela superaban os baremos permitidos segundo as analíticas realizadas onte. En vista da situación e en espera dos resultados das mostraxes que se tomaron no día de hoxe, o Concello desaconsella o baño nos dous areais e ordenou izar a bandeira amarela para advertir aos usuarios. Tamén se colocaron carteis informativos nos paneis das praias.

As análises remitidas polo departamento de Sanidade detectaron unha concentración de e.coli nas augas das zonas de baño da Compostela de1.800 ufm por cada 100 miligramos e nas da Concha de 2.800. Dado que o límite máximo que se permite sitúase nas 1.500 ufm, o Concello, a través da Concellería de Sanidade, decidiu adoptar as correspondentes medidas de precaución alertando aos bañistas da situación e desaconsellando o baño ata coñecer os resultados das contraannálises.

Caso puntual o ano pasado

Polo momento descoñécense as causas da elevación dos niveis microbiolóxicos nas praias da Compostela e a Concha, aínda que unha posibilidade é que veña provocada polas intensas choivas dos últimos días e os ventos do sul que arrastran ao interior da ría tanto algas como as concentracións de substancias contidas nas augas. De feito, un episodio similar produciuse a finais de setembro do pasado ano, cando despois duns días de treboada e ventos do sul tamén se elevaron os niveis de e-coli por riba dos índices permitidos. Nese caso, a concentración microbiolóxicas foi puntual e regresou aos parámetros normais ao día seguinte.

30 de xullo de 2013 | 15:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.