Vilagarcía aplica a ordenanza de terrazas impoñendo a cada hostaleiro da rúa Juan García 10 metros cadrados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

O alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, asinou esta mañá unha resolución pola que deixa sen efecto as autorizacións concedidas polo Consello de Xerencia de Urbanismo de 19 de abril de 2011 para a ocupación de espazos na rúa Juan García e establece un novo reparto entre os seis establecementos da zona. Hoxe mesmo, a Policía Local entregou en man a resolución e operarios municipais procederon a pintar sobre o chan o espazo que poden ocupar cada un dos bares ou restaurantes. Cada un deles poderá utilizar dez metros cadrados, deixando libres os correspondentes corredores que, por lei, deben existir para compaxinar a explotación hostaleira da rúa coa libre circulación de viandantes.

Dende aquel inicial acordo de abril de 2011, na rúa Juan García se produciron algúns cambios de titulares: a Pulpería Noya é agora La de Cris, e abriuse un novo establecemento, Morla. Posteriormente abriuse de novo O Tablizo, con cambio de dirección. Os outros tres establecementos son Xuntanza, Larpeiros e Alobre. Tras esos cambios intentouse que os seis propietarios se puxeran de acordo, incluso coa mediación da asociación de hostalería Ahituvi, pero non foi posible e incluso, segundo diversos informes da Policía Local, producíronse varios enfrontamentos por esa causa.

Ante esta situación, o goberno local decidiu aplicar a ordenanza de terrazas que, entre outras cousas, dispón que o peticionario da autorización non ostenta un dereito preexistente á súa obtención, polo que nin a presentación da solicitude de autorización de ocupación da vía pública, nin o pagamento das taxas correspondentes, autorizan ao interesado a instalar a terraza. Na mesma ordenanza establécese que a instalación de terrazas e instalacións auxiliares sen a preceptiva autorización sen axustarse ás condicións de autorización, “dará lugar á inmediata orde de retirada, sen prexuízo das sancións que proceda impoñer, e subsidiariamente retirada polo Concello a costa do interesado”.

Así as cousas, e ante a falta de acordo entre os interesados, a Alcaldía emitiu hoxe unha resolución pola que establece a nova distribución de espazos, de acordo co plano elaborado pola Xerencia de Urbanismo. Tanto a resolución coma o plano foi remitido hoxe mesmo aos citados establecementos, ao tempo que operarios municipais procedían ao pintado das marcas correspondentes sobre o solo da rúa. A resolución foi tamén remitida á servizo de Rendas e á Policía Local, aos efectos oportunos.

24 de xullo de 2013 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.