“Vila Concepción” renace en Cambre como nova Casa da Cultura
O alcalde de Cambre, Manuel Rivas, o presidente da Deputación, Diego Calvo, e un dos netos de Concepción, antiga propietaria da casa que leva o seu nome, Pedro Riveiro, inauguraron a Casa da Cultura, un proxecto levado a cabo cos Fondos FEDER, a Deputación e o Concello.
Esta mesma mañá tivo lugar a firma dun convenio polo cal a familia que foi propietaria de Vila Concepción doou unha serie de documentos de valor histórico que gardan dende finais do XIX, entre eles a concesión da licenza municipal e os pagamentos aos operarios da obra de 1893 onde se pode ler que custou 60.000 pesetas.
O acto de inauguración comezou cos discursos de Pedro Riveiro e Diego Calvo, e tras eles o alcalde clausurou o acto cunha serie de agradecementos ás empresas e técnicos que fixeron posible que a Casa da Cultura sexa unha realidade tan só un ano despois de iniciarse os traballos de restauración.
Tras os discursos destapouse unha placa conmemorativa do acto antes de levar a cabo unha visita guiada polos arquitectos do proxecto ás autoridades onde visitaron a instalación e a exposición de Pintura do piso superior que homenaxea os gañadores dos 30 anos do Certame de Pintura de Cambre. Os Gaiteiros das Mariñas amenizaron o acto e tamén tivo lugar un pincho para os máis de 200 asistentes, entre os que destacan varios alcaldes da área metropolitana, concelleiros da corporación, o ex alcalde de Cambre, un representante da consellería de Cultura, e decenas de representantes de asociacións veciñais, culturais e deportivas.
Rivas recorda que cando chegou ao goberno local cambiar o proxecto da Casa da Cultura para recuperar Vila Concepción foi unha das primeiras decisións que tomou o seu equipo debido a que estaba en risco unha subvención dos Fondos FEDER e houbo que aprobar en pleno esta proposta, que tamén obtivo o visto e prace de Patrimonio e do Ministerio de Administracións Públicas.
No seu discurso Rivas recordou como se iniciou o proxecto de renovación da vila de veraneo dos Riveiro. “Remóntome a xullo de 2011, cando tivemos coñecemento por primeira vez de que o proxecto orixinal da Casa da Cultura, tal e como proxectara, era “inexecutable”. Ante a présa de comezar a obra, unha das primeiras decisións que tomamos cando chegamos ao goberno local foi trasladar o proxecto da Casa da Cultura a Vila Concepción. Foi unha decisión difícil pero que finalmente contou co apoio do resto de grupos da oposición, de Patrimonio e das administracións públicas que custodiaban os FEDER”, explicou Rivas no discurso inaugural.
Así mesmo, recordou que para poñer en marcha este proxecto a área de Cultura deseñou unha serie de actividades que comezarán en setembro e que están destinadas a todas as idades. “Teño o firme compromiso de que esta Casa da Cultura sexa un complexo referente para os cambreses no que teñan cabida diversas actividades de índole cultural e por iso partir de mes de setembro comezaremos unha programación deseñada para todas as idades”, sinalou.
Para finalizar a tido unhas palabras de cariño para os antigos propietarios da casa, “hoxe achámonos nunha casa que foi no seu día un fogar para unha familia, parte desa familia encóntrase hoxe aquí connosco. Espero que esta casa sexa a partir de agora un fogar confortable para os cambreses e para a súa cultura”, sentenciou ante máis de 200 persoas.











