Viana do Castelo interésase pola tradición dos atranques dos Xenerais da Ulla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaTeo
A-
A+
Instante do atranque. Foto: Diego García

Instante do atranque. Foto: Diego García

Os xenarais da Ulla e os seus coñecidos enfrontamentos verbais, os atranques, foron sen dúbida un dos elementos que máis interese espertaron da participación teense no 3º Encontro de Teatro Popular do Noroeste Peninsular, celebrado en Viana do Castelo esta pasada fin de semana.

A través da concellaría de Cultura, dirixida por Carme Hermida, unha comitiva formada por 30 persoas de Teo visitaron este encontro que ten como obxectivo principal divulgar e dinamizar as representacións culturais populares. Este ano participaba o Concello de Teo cunha comitiva de entroido formada por persoas da Asociación A Regionalista e da Asociación Rosalía de Castro de Cacheiras. Este grupo estivo a pasada fin de semana en Portugal e puideron amosar os elementos máis característicos do entroido do Ulla, cos xenerais a cabalo, coros de bonitos e danzantes e mesmo o demo, unha figura típica desta zona.

Dende o grupo participante destácase “a boa acollida por parte da organización e a disposición amosada en atender todas as nosas peticións”. Entre outras cousas dende a organización facilitáronse os cabalos, aínda que todos os adornos e vestimenta se levaron dende Teo. Destacaron ademais “a importancia dun festival que ano a ano se vai consolidando” así como “a posibilidade de interrelación cultural de diferentes mostras culturais de todo o noroeste peninsular e unha plataforma para exportar a cultura teense”.

24 de xullo de 2013 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.