Verín abre a súa Bibliopiscina no verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVerín
A-
A+

A Biblioteca Pública Municipal de Verín pon en funcionamento, por quinto ano consecutivo, o servizo da Bibliopiscina nas piscinas descubertas de A Granxa.

Esta iniciativa ten por obxecto estender os servizos bibliotecarios aos/ás usuarios/as desta instalación deportiva, potenciar a lectura e atraer á biblioteca a un público que non é usuario habitual, incluíndo a realización de actividades lúdico-culturais, fóra do curso escolar.

Este servizo oferta un fondo de máis de 250 volumes en tres idiomas: galego, castelán e portugués -conformado por libros, contos infantís, cómics e revistas, co obxecto de dar servizo a todos/as os/as lectores/as da Eurocidade Chaves-Verín-, así como diferentes xogos de mesa . Esta iniciativa estará atendida por persoal da Biblioteca de Verín e vinte e dous mozos/as voluntarios/as, con idades comprendidas entre os 11 e 16 anos, que durante o ano realizan actividades de Fomento da Lectura na instalación municipal -destinadas a nenos/as de 3 a 9 anos, e que xa foron recoñecidas, durante cinco anos consecutivos, na Campaña de Animación á Lectura María Moliner, co nomeamento como Biblioteca Asociada pola UNESCO, e co premio á Mellor Iniciativa ao Fomento da Lectura para Bibliotecas Públicas 2011, concedido pola Federación de Gremios de Editores de España-. 

A Bibliopiscina funcionará ata o mes de setembro, en función da climatoloxía, e o seu horario será de 17 a 20 horas (durante os sete días da semana).  No ano 2012 este servizo abriuse ao público unhas 200 horas e o número de préstamos realizados ascendeu a 2.500, é dicir, 500 máis que no 2011, o que reflicte un incremento constante no número de préstamos desde a apertura deste servizo cultural.

Con todo, as instalacións da Biblioteca Pública Municipal tamén continuarán abertas ao público durante os meses de verán, de luns a venres, de 10 a 13.30 e de 16.30 a 19.30 horas.

4 de xullo de 2013 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.