Veciños de Mesía e Frades participaron nun curso preparatorio para obter o graduado en ESO
O alcalde de Frades, Roberto Rey, e a concelleira de Educación e Cultura de Mesía, Pilar Sánchez, clausuraron o curso preparatorio para obter o graduado en ESO promovido polos Concellos de Frades e de Mesía, no que participaron unha ducia de veciños e veciñas de ambos municipios. Rey e Sánchez entregaron os 5 certificados académicos do graduado en Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO) a outros tantos veciños que superaron os tres ámbitos: tecnoloxía, lingua e sociais. Un deses veciños mesmo foi quen de sacar os tres ámbitos na mesma convocatoria.
Os outros sete alumnos e alumnas aprobaron un ou dous ámbitos, xa que non é habitual presentarse aos tres dunha única vez. Deste xeito, todos eles celebraron cadanseu éxito. Dende a entidade que imparte estes cursos destacan que en Frades e Mesía se rexistran porcentaxes de aprobados superiores ao da media da área compostelá.
Roberto Rey e Pilar Sánchez felicitaron aos alumnos polo seu traballo e esforzo e animáronos a seguírense formando para teren maiores posibilidades de empregabilidade. Este é o terceiro ano consecutivo no que alumnos e alumnas de Frades e Mesía preparan xuntos os exames de graduado en ESO. Unhas clases que se impartiron en ambos municipios, concretamente no multiusos de Frades e na Casa da Cultura de Mesía, a razón de seis horas semanais.