Uns 75 nenos participaron nas Actividades de Verán do programa Concilia durante o mes de xullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Igualdade e Benestar, Silvana Castro, aproveitaron a mañá lúdica que marca a fin da quenda de xullo das Actividades de Verán do programa Concilia para visitar o CEIP A Cristina e falar cos arredor de 75 rapaces e rapazas que aproveitaron o servizo durante o pasado mes. Tamén se informaron de primeira man cos monitores e monitoras e responsables da empresa Axiña Servizos Deportivos, encargada de atender aos nenos e nenas entre as 10.00 e as 14.00 horas en xullo e agosto nun servizo que funciona por cuarto ano consecutivo. Colchóns inchables e xogos tradicionais como o hula-hoop ou a corda entretiveron aos nenos e nenas durante boa parte da mañá. O mércores 31 está previsto realizar unha excursión para pechar definitivamente a quenda de xullo.

Dende Axiña, informan que para a quenda de agosto está prevista a participación de outros 70 cativos e cativas, aínda que moitos dos que aproveitan o servizo repiten, xa que están inscritos durante todo o verán. O programa Concilia é unha iniciativa que pretende favorecer a conciliación da vida laboral e familiar dos pais e nais dos alumnos e alumnas dos centros escolares carballeses de Infantil e Primaria. O prezo máximo estipulado por mes para as Actividades de Verán, prezo que debe aboarse no momento da inscrición, é de 58 euros. As crianzas inscritas teñen a posibilidade de realizar actividades físicas e deportivas e culturais, con xogos populares, de psicomotricidade, deportes alternativos, tiro con arco, pirámide multideportiva, actividades de orientación ou contacontos motores. Tamén poden participar en obradoiros de debuxo ou de reciclaxe, así como afondar nas novas tecnoloxías e recibir nocións de inglés.

As actividades teñen lugar nas instalacións do CEIP A Cristina da capital municipal e o Concilia ofrece a posibilidade de que os cativos e cativas tamén estean atendidos entre as 7.30 e 10.00 horas como ocorre durante o transcurso do curso escolar. Así, está dispoñible o servizo de madrugadores dende as 7.30 ata as 10.00 horas (con almorzo ás 8.30 horas), no Centro Xolda. Logo son trasladados en autobús ata as instalacións nas que se realizan as actividades lúdicas no CEIP A Cristina. As Actividades de Verán do programa Concilia están organizadas polo Concello, a través de Servizos Sociais, coa colaboración da Deputación. Os interesados e interesadas en formalizar a inscrición na actividade para agosto, aínda poden facelo nas oficinas do departamento de Servizos Sociais situadas na planta baixa da Casa do Concello no horario habitual do servizo.

30 de xullo de 2013 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.