Unhas 250 persoas participaron na XXI Romaría Interxeracional na Carballeira das Casianas en Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal
A-
A+
Membros da corporación cos premiados

Membros da corporación cos premiados

Ao redor de 250 persoas participaron esta tarde na XXI Romaría Interxeracional do Concello de Lalín na Carballeira das Casianas, en homenaxe ás persoas maiores e emigrantes. Asistiron, en representación municipal, o alcalde, José Crespo; a concelleira de Benestar e Emigración, Paz Pérez; e os concelleiros María José Batán, Pilar López Carrón, Camilo Conde e tamén se achegaron os edís Román Rodríguez e María Álvarez.

Por primeira vez se celebrou en xornada de tarde e consistiu nunha merenda en vez do tradicional xantar. Ademais tamén se cambiou o escenario á Carballeira das Casianas. A xente comezou a chegar pasadas as catro da tarde nunha xornada dominada pola forte calor.

Houbo música da Banda de Música Prado ata que deu comezo a chocolatada sobre ás cinco da tarde coa actaución do grupo de gaitas “Os Xuncos”. Tras o xantar deu comezo á homenaxe presentada por Xacobe Pérez Paz e entregáronse os premios ao matrimonio con máis anos de casados; ao home á muller de máis idade e á muller e ao home de máis anos na emigración. Os agasallados recibiron cadanseu prato de Sargadelos e un ramo de flores.

A continuación interviu a concelleira delegada, Paz Pérez, que aproveitou para agradecer ás persoas maiores que viñesen a esta Romaría, máis tendo en conta as altas temperaturas, e indicou que para a próxima edición se cambiará o formato e se vai estudar a posibilidade de volver ao xantar.

A continuación fíxoo o alcalde, José Crespo, que deu as grazas pola asistencia e felicitou a todos os premiados e dixo “para a edición XXII do vindeiro ano se mirará facer o evento dun xeito distinto e se estudará a posibilidade de retomar o tradicional xantar”.

6 de xullo de 2013 | 20:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.