Unha variada oferta deportiva e de lecer para todos os públicos arrinca no Nigrán Area
O evento deportivo e de lecer do verán arrincou este fin de semana a súa actividade co Torneo de Tenis Praia Concello de Nigrán, proba puntuable para o campionato galego da devandita modalidade.
A importancia da cita a nivel competitivo fixo que puidesen mesturarse en Panxón xogadores chegados desde distintos puntos de Galicia para disputar o torneo, así como outras persoas que xa estaban a gozar das praias de Nigrán. Ademais, varios bañistas puideron gozar libremente das instalacións nos momentos sen competición para practicar deporte na praia co material deportivo prestado por Nigrán Area.
En categoría mixta, resultaron vencedores a parella David-Alix ao imporse na final por 3-5, 4-2 e 4-2 a Adrián-Lida. En feminino, Ana-María levaron o trofeo ante Alix e Vanesa, nunha igualadísima final por dous sets a un na que foron necesarios dous Tie Break e que se resolveu cun tenteo de 8-6, 2-4 e 7-5. Mentres, na categoría masculina, a parella coruñesa Adrián e Diego acabou triunfando na final por dous sets a un ao anotarse un 5-3, 3-5 e 5-3 ante Óscar e David.
Durante a semana, Nigrán Area seguirá enriquecendo o verán do Val Miñor con distintas actividades previas á proba do Campionato Galego de Voley Praia, que se celebrará o fin de semana e no que se prevé un alto nivel de participación, tanto en termos cuantitativos como cualitativos. A inscrición para este e outros torneos segue aberta mediante a web www.verandeportivo.com
Carreira Popular pola Praia
Así mesmo, a Carreira Popular pola Praia Nigrán Area celebrarase o domingo 11 de agosto, a partir das 11.00 horas. Os interesados en participar na terceira edición desta carreira poden formalizar as súas inscricións a través do correo electrónico savalminor@hotmail.com e na Oficina de Turismo Dunas de Gaifar ?para pitufos e cadetes- e na Web www.atletismogalego.org, Atletis Deportes ou na piscina mancomunada do Val Miñor para a catogría absoluta. O custo da inscrición para a máxima categoría é de 5 euros, e o prazo finaliza o mércores 7 de agosto ás 20.00 horas.
Lecer para todas as idades
Ademais das citas deportivas para amateurs e profesionais, que se celebrarán maioritariamente nos fins de semana, Nigrán Area incorpora unha ampla e variada oferta de lecer para todos os públicos. Todos os luns e mércores de xullo e agosto, até o 14 de agosto incluído, o recinto ofrece sesións de aerobic gratuítas entre as 11.30 e as 12.30 horas.
As tardes de Nigrán Area son para os máis pequenos, coa organización de talleres infantís, todos os luns e mércores de 18.00 a 20.00 horas; inchables terrestres, os martes e xoves de 17.30 a 20.00 horas; e inchables acuáticos todos os venres, até o 16 de agosto, en horario de 17.30 a 20.00 horas.











