Unha modificación no orzamento do Concello de Ourense permitirá dar apoio a 42 entidades ourensás
Dar apoio a 42 asociacións e entidades que desenvolven o seu labor na cidade, acometer investimentos urxentes en mellora de infraestruturas e termalismo e amortizar anticipadamente débeda municipal son os principais obxectivos do expediente de modificación dos orzamentos do Concello que prepara o goberno municipal.
O concelleiro de Economía e Facenda, José Ángel Vázquez Barquero presentou o expediente aos grupos políticos de PP, BNG e DO no transcurso da Xunta de Área que se celebrou esta mañá. O concelleiro de Economía ofreceu aos grupos políticos a posibilidade de falar acerca desta modificación antes de que sexa aprobada coa vontade de acadar o maior grao de consenso posible. O expediente ascende a 8,6 millóns de euros.
Tomada a decisión de non tramitar un novo orzamento para 2013, e mantendo prorrogado o de 2012, o goberno municipal prepara esta modificación coa finalidade de afrontar gastos que non deben demorarse, e que permitirán dar apoio a entidades que desenvolven o seu labor na cidade, principalmente ONG que traballan no terreo da sáude e o benestar social, xunto con convenios con diferentes entidades (673.237,55 euros) afrontar investimentos urxentes en materia de infraestruturas na cidade e perímetro rural (664.000), acometer as expropiacións necesarias para desenvolver o Ben de Interese Cultural das Burgas (1.050.000), e amortizar débeda (6.262.521,92 euros).
A modificación ascenderá por tanto a un total de 8.664.534,24 euros, con estes tres capítulos
1 Gastos orixinados por subvencións nominativas que se veñen contemplando con carácter repetitivo nos orzamentos do Concello e que financian actuacións de carácter fundamentalmente social levadas a cabo por institucións sen ánimo de, lucro que veñen completar as actuacións administrativas que o Concello desenvolve neste eido. Estas dotacións orzamentarias facilitarán o normal funcionamento destas intitucións. Estas subvencións, pola súa propia natureza, non son prorrogables, de acordo coa lexislación vixente. Por este motivo, é preciso tramitar unha modificación orzamentaria que lles dé cobertura. Inclúense aquí un total de 42 convenios e acordos de colaboración, con:
a) Asociacións do ámbito da saúde e o benestar social: Irmás dos anciáns desamparados, Aixiña, Asociación de familiares enfermos de Alzheimer, Cruz Vermella, Aspanas, Agrupación de Xordos de Ourense, Discafis, Morea, Asociación diabética Auria, Cáritas Diocesanas, Asociación de amas de casa e consumo, Cadabullo, Asociación de Fibromialxia, Asonffaa, Spes, Asociación de formación de adultos, Asociación contra o cancro, Hemofilia, Alcer, Esclerose Múltiple, Asociación de Discapacitados Ourense, ATOX, Abeiro, Proxecto Home, Comié AntiSIDA, Síndrome de Down e Aspanas Termal.
b) Subvencións á Camara de Comercio e centros comerciais abertos e taxis adaptados a minusválidos, achega para o programa Cultura UE da EHTTA, e convenios con Liceo, Ateneo, Universidade de Vigo (Master DUMA), produtora Vía Láctea, Amencer (Campamento urbano), Federación Limiar, Agrupación Miño, Federación de ANPAs, e Seminario Galego para a Paz. Tamén se inclúe o convenio coa Xunta de Galicia, Deputación Provincial e Diócese para a rehabilitación da capela dos Remedios, cunha achega de 100.000 euros.
Todos estes gastos, por importe de 673.237,55 euros, financiaranse coa baixa de créditos en partidas do Capítulo 1 (Persoal), cuxas dotacións poden ser minoradas sen perturbación dos servizos aos que dan cobertura.
2. Cinco aplicacións orzamentarias xestionadas pola Concellería de Infraestruturas para posibilitar a realización de actuacións urxentes en perímetro rural, infraestruturas viarias urbanas, ampliación e mellora do alumeado público, compra de maquinaria e un camión de carga con pluma. Estes créditos, por un total de 664.774,77 euros fináncianse con cargo a baixas noutras partidas cuxas dotacións á Concellería considera que deixaron de ter utilidade por estar rematados os proxectos que con cargo a elas estaba previsto levar a cabo.
Tamén se inclúe neste bloque a partida do Plan Especial BIC As Burgas, da Concellería de Urbanismo, para poder levar a cabo as expropiacións que se precisan dentro deste plan como paso previo para rematar o desenvolvemento desta área. O crédito que se dota 1.050.000 euros finánciase utilizando unha parte do remanente de tesorería para gastos xerais posto de manifesto na liquidación do orzamento de 2012, que ascende a 27.499.748,38 euros.
3. Ademais, a liquidación do orzamento de 2012 recentemente aprobada pon de manifesto a existencia dun superávit non financiero na liquidación consolidada dos orzamentos do Concello e do Consello Municipal de Deportes, que ascende a 6.276.521,92 que se destinará a amortización anticipada de débeda.
Aprobación en Pleno do Concello
O goberno municipal presentará o proxecto de modificación orzamentaria para o visto bo da Xunta de Goberno Local, e posteriormente ante o Pleno do Concello para aprobación inicial, e exposición pública polo prazo de 15 días hábiles, durante os que os interesados poderán examinalo e presentar as reclamacións que estimen oportunas. O expediente considerarase definitivamente aprobado se non se presentaran reclamacións.











