Unha cámara seguirá as obras no edificio anexo ao Pazo da Marquesa en San Sadurniño
O Time-lapse é unha técnica audiovisual que permite condensar en escasos segundos procesos que en realidade levan horas, días e mesmo semanas. O procedemento é sinxelo: sácanse fotos a intervalos de tempo e despois xúntanse nun video para transmitir unha espectacular sensación de velocidade. Iso mesmo é o que o Concello vai facer durante as obras que se desenvolven no edificio anexo. Desde o próximo luns unha cámara estará tirando fotos durante unha semana. As imaxes que tome formarán parte dun video que estará dispoñible na rede ao remate dos traballos.
A empresa Iris Producións encárgase do seguemento audiovisual das obras. O Concello quere deixar constancia visual do estado inicial do edificio e de como vai quedar ao final e para iso botou man desta produtora especializada en capturar o tempo que leva anos traballando en colaboración con Luís Caldevilla, un dos máximos referentes mundiais da técnica.
Esta mañá instalouse o dispositivo de captura no torreón do pazo e semella un radar fixocolocado nas almenas. Empezará a funcionar a partir do próximo luns, data sinalada por Xestión Ambiental de Contratas para comezar os traballos de demolición do último andar do edificio anexo. A cámara está aloxada nunha caixa estanca especial e tirará fotografías durante todo o día a intervalos de tempo de varios segundos. Deste xeito, e despois de posproducir as imaxes, poderase ver acelerado todo o proceso.
Iris producións xa gravou as obras de rehabilitación do pazo e agora agarda a que se equipe a futura sede municipal para rexistrar as últimas imaxes. Ten a encarga de elaborar un resume das obras ao que se incorporará posteriormente tamén o resume dos traballos no edificio anexo. Todo o material estase producindo en alta definición e estará dispoñible na web, nas redes sociais e tamén no arquivo da biblioteca municipal.
Equipamento interior do pazo
E este venres pasado rematou o prazo para entregar a documentación referida ao concurso para subministrar e instalar o equipamento do pazo da marquesa. En total presentáronse tres empresas -El Corte Inglés, Grumar e Equifer- aínda que as súas propostas son segredas polo momento.
Haberá que agardar á apertura dos sobres por parte da mesa de contratación para coñecer en canto están cifradas as ofertas a partir do prezo de licitación de 137.500 euros. A mesa reunirase, previsiblemente, na segunda semana de agosto.











