Unha brigada de voluntarios traballa durante toda a xornada na limpeza de Cortegada
Cortegada recibe hoxe a visita dun grupo de mozos e mozas que pasarán a xornada limpando a fondo a illa integrada no Parque Nacional das Illas Atlánticas. A experiencia organizada polo Parque Nacional e a Consellería de Xuventude e Voluntariado conta coa colaboración do Concello de Vilagarcía para o seu desenvolvemento e realizarase todos os martes dos meses de verán. Deste xeito, Cortegada lucirá a súa mellor imaxe de cara para recibir aos visitantes que desxeen coñecer esta xoia natural.
A brigada componse de oito mozos e mozas de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos que se anotaron para participar como voluntarios neste programa medioambiental. O grupo partiu ás doce da mañá do peirao de Carril e permanecerá en Cortegada ata as sete da tarde. Durante toda a xornada encargaranse de recoller o lixo que o mar poida ter arrastrado ata as costas da illa e tamén a retirar especies de plantas invasoras. Para a realización desta última tarefa contarán coas explicacións dun técnico de Parques Nacionais que os acompañará durante todo o día.
Sobre as sete da tarde a brigada regresará ao peirao de Carril onde depositarán os sacos co lixo retirado que os servizos de limpeza e recollida de lixo do Concello se encargarán de levar.











