Un total de 64 mozos de sete países europeos participan nun intercambio xuvenil en Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocalLocal PortadaXuventude
A-
A+
Participantes no intercambio

Participantes no intercambio

O Concello de Lalín acolle desde o pasado luns e ata o día 31 de xullo o intercambio xuvenil “Living in Europe. Building Europe”, no que están a participar 64 mozos e mozas con idades comprendidas entre os 15 e os 22 anos. Proceden de sete países europeos: Alemaña, Austria, Bélxica, Eslovaquia, España, Francia e Holanda.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, reuniuse hoxe en Lalín cos participantes nesta iniciativa, que é unha das 33 que foron aprobadas en toda Galicia nas dúas primeiras quendas da convocatoria do programa europeo Xuventude en Acción, que destinou a este fin, e ata o momento, preto de 550.000 euros. Este programa, pola parte galega, está liderado polo Comité de Irmanamento de Lalín (CIRLA).

Céntrase en catro temáticas principais: a cidadanía europea; o emprendemento xuvenil a través da creatividade; a vida saudable; e a diversidade cultural. Por exemplo, os participantes poderán coñecer unha mostra de boas prácticas da zona: unha cooperativa de venta de roupa ecolóxica e solidaria; unha compañía de teatro; un organizador de campionatos deportivos; e unha empresa de agricultura ecolóxica.

Ademais, durante a súa participación neste programa, os mozos e mozas aprenden a través do debate e a participación directa nas actividades. As competencias e aptitudes que obteñan quedarán reflectidas no Youthpass que se emitirá a cada un deles.

O obxectivo fundamental é crear un clima de diversidade cultural para avanzar no tema da construción europea, os seus dereitos, e analizar desemprego xuvenil.

Ano europeo dos cidadáns

Pola súa banda, Rodeiro recordou que o 2013 é o Ano europeo dos cidadáns, e destacou o papel fundamental da mocidade na cidadanía activa e na construción europea. Ao respecto, recordou que un dos nove eixos do Plan estratéxico de xuventude é o fomento da mobilidade xuvenil, entendida como a adquisición de novas capacidades nun entorno cultural e social novo; e como unha implicación activa dos mozos na rexión á que se vaian a desprazar.

Cabe lembrar que en 2012 Galicia executou o 10 por cento do total dos proxectos estatais que se desenvolveron ao abeiro do programa europeo Xuventude en Acción. Galicia foi a terceira comunidade autónoma onde máis actividades se puxeron en marcha o ano pasado, ata un total de 60 iniciativas, que supuxeron a participación de 969 persoas e un investimento de 820.000 euros.

24 de xullo de 2013 | 20:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.