Un investimento de 50.000 euros permite renovar as beirarrúas e o parque infantil de Vistafermosa
O Concello de Ourense vén de destinar un investimento de 50.000 euros a actuacións de mellora de beirarrúas e un parque infantil, solicitadas polos veciños do barrio de Vistafermosa.
O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e os concelleiros de Infraestruturas, Antonio Rodríguez Penín e Medio Ambiente, Susana Bayo visitaron esta mañá os traballos realizados polo Concello neste barrio ourensán, a través de dous proxectos: a mellora do parque infantil sito nas proximidades do colexio e a renovación de beirarrúas, pavimentación e recollida de augas na rúa Matilde Lloria.
A mellora do parque, realizada pola Concellería de Medio Ambiente cun orzamento de 30.000 euros, atende unha petición realizada polos veciños do barrio e permitiu renovar o chan da zona infantil, que agora é de caucho, e renovar os xogos que oferta aos cativos, incorporando novas unidades, adaptadas á normativa europea e accesibles para persoas con discapacidade física. Tamén se engadiu un pechamento perimetral.
A remodelación da zona infantil incluíu a retirada da area, extensión de formigón como base e colocación de pavimento de caucho. A zona de xogos para os cativos conta agora con 5 novas unidades: 3 balancíns, 1 multixogo e 1 pórtico.
As obras da rúa Matilde Lloria, realizadas pola Concellería de Infraestruturas atenderon unha petición dos veciños da zona e supuxeron un investimento de 15.000 euros, consistentes na renovación de beirarrúas, pavimentación do vial e recollida de augas.











