Un grupo de 26 olonnais visitarán A Laracha con motivo da celebración da feira das cereixas de Paiosaco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocalLocal Portada
A-
A+

Un grupo formado por 26 persoas procedentes de Olonne sur Mer, o municipio francés co que está irmandada A Laracha desde o ano 2010, visitarán o noso Concello do xoves ao domingo desta semana. A delegación francesa escolleu estas datas para facer coincidir a súa estancia coa celebración da Feira das Cereixas de Paiosaco, a festa gastronómica de maior importancia das que se celebran no Concello da Laracha ao longo de todo o ano.

Coa finalidade de ultimar o programa da visita, o comité de irmandamento da Laracha –no que están representados os tres grupos políticos da Corporación e as principais asociacións culturais e clubs deportivos do municipio- reuniuse hoxe no salón de plenos do Concello.

Dito programa inclúe un percorrido polos lugares de máis interese do propio termo municipal da Laracha (Caión, Paiosaco, área recreativa de Gabenlle, Soandres, centros socioculturais de Vilaño, antigo hospital dos peregrinos de Montemaior, etc.) e tamén saídas pola Costa da Morte, a cidade da Coruña e a Betanzos.

O domingo pola mañá, durante a celebración da Feira das Cereixas, o grupo de olonnais disporá dun posto no recinto feiral que contará cun equipo audiovisual por medio do que ofrecerán información de tipo turístico ao longo da xornada.

Desde o Concello da Laracha mostramos a nosa satisfacción por recibir esta visita e tamén a ilusión de comprobar como o irmandamento con Olonne sur Mer posibilitou dar a coñecer na rexión francesa de La Vendèe a Feira das Cereixas de Paiosaco.

1 de xullo de 2013 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.