publicidade hoxe

Un dispositivo especial de Garda Civil, Policía Local e Protección Civil encargarase da seguridade nas festas de Vilaboa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

Os corpos de seguridade montarán un dispositivo especial con motivo das festas de Vilaboa, que reunirán dende mañá e ata o martes a centos de persoas. Policía Local, Protección Civil e a Garda Civil elaboraron un plan de seguridade coordinado e que contará coa presenza nocturna do Grupo Rural de Seguridade da Garda Civil, que reforzará os labores de vixilancia.

Todas as noites dos festexos dispoñerán de dispositivos especiais reforzados para ofrecer unha atención continuada ao cidadán. Tamén haberá un dispositivo para as procesións de Vilaboa e de Castro-Laxe.

O primeiro tenente de alcalde, e responsable de Seguridade Ciudadana, José Ramón Riobóo, apunta a garantir a seguridade e a accesibilidade dos peóns como unha das “prioridades” do dispositivo. Así, o Concello colocou 200 valos arredor do recinto das festas, ancoradas ao chan, para evitar os estacionamentos invadindo as beirarrúas.

A Policía Local efectuará un control exhaustivo sobre as zonas reservadas aos peóns e os pasos de peóns, e retirará coa grúa aqueles vehículos aparcados entorpecendo o paso normal a pé.

Os catro pasos de peóns situados xunto á praza da igrexa terán unha presenza continua dos efectivos de seguridade para garantir o paso seguro das persoas. Ademais de a vixilancia, colocaranse bandas rugosas portátiles para restrinxir a velocidade dos vehículos.

Na avenida de Vilaboa, fronte á igrexa, en dirección a Coruña, crearase unha zona especial para aparcadoiro de persoas con minusvalía. Tamén haberá sitios reservados para os taxis, autobuses e as unidades das forzas de seguridade.

Para o aparcadoiro de vehículos particulares, o Concello habilitou unha parcela entre a avenida de Vilaboa e a rúa Domingo Serra. O martes, con motivo da sardiñada, se cortará ao tráfico a rúa Anxo Senra.

En todo momento, haberá unha presenza de efectivos de todas as forzas para atender calquera necesidade que teñan os asistentes. Riobóo destaca a coordinación entre Policía Local e Garda Civil para dar resposta a este evento de asistencia masiva de veciños.

12 de xullo de 2013 | 20:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.