Un cento de orteganos sumáronse ao “II Día da Bicicleta” que homenaxeou ao ciclista Suso Cobelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalOrtigueira
A-
A+
Participantes no II Día da Bicicleta

Participantes no II Día da Bicicleta

Preto dun centenar de veciños de todas as idades madrugaron este sábado para sumarse no “II Día da Bicicleta de Ortigueira”, unha iniciativa municipal que este ano rendeu tributo ao ciclista ortegano Suso Cobelo, que se recupera dunha grave enfermidade. O alcalde Rafael Girón participou tamén neste percorrido en bicicleta polo núcleo urbano, concibido para promover unha vida máis activa, impulsando a práctica deste deporte.

A ruta, con principio e final no Centro de Recepción de Visitantes, programábase a iso das 10 horas co reto de conseguir que pícaros/as e maiores saísen á rúa coas súas bicicletas, contribuíndo así a fomentar entre a cidadanía o uso deste transporte saudable e ecolóxico.

Había ademais unha motivación engadida. E é que a marcha converteuse, como non podía ser doutro xeito, no escenario perfecto para recoñecer a traxectoria de Jesús Cobelo (Ortigueira, 1977), profesional que chegou a estar na máxima categoría co equipo Xacobeo Galicia e que, actualmente reponse aos poucos dun recente trasplante de medula.

Cobelo, que participou na marcha, recibiu de mans do regidor unha figura conmemorativa desta xornada e agradeceu ás súas convecinos o apoio mostrado nestes momentos difíciles.

A firma Conor, a través da súa distribuidor no municipio Ciclos Cociña, tamén quixo estar presente nesta xornada tan especial coa entrega de camisetas aos participantes da marcha ciclista.

20 de xullo de 2013 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.