Un campo de traballo con voluntariado en Ponteceso recuperará os camiños de Titania
Baixo o título Conciencia do noso pasado, o concello de Ponteceso, coa colaboración da Fundación Eduardo Pondal, desenvolverá desde o luns 15 ata o domigo 28 de xullo un campo de traballo co que se pretende recuperar os vellos camiños que levaban á antiga mina de Valarés Titania S.A. Este campo de traballo está financiado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellaría de Traballo e Benestar.
A esta actividade están inscritos voluntarios procedentes dos máis diversos lugares. Hai un total de 17 participantes orixinarios da Arxentina, Rusia, Francia, República Checa ou Turquía (caso dos estranxeiros) e da Coruña, Valencia, Badaxoz, Murcia, Sevilla e Burgos (caso dos estatais). Deles 9 son mulleres e 8 homes.
A actividade principal deste campo de traballo será a recuperación dos camiños que levaban á antiga mina de titanio que desenvolveu un importante papel económico na Ponteceso da primeira metade do século XX. Os labores son limpeza e desbroce das sendas, sinalización das mesmas, pequenas recuperacións patrimoniais e creación de espazos de interese. Estas sesións de traballo desenvolveranse unicamente pola mañá.
Polas tardes e noites esta xuventude voluntaria dedicarase a coñecer Ponteceso, Corme, Malpica, Laxe ou Santiago de Compostela. Participarán en xornadas festivas como o Carme de Corme ou o Castro Animado en Borneiro. Realizarán camiñadas nocturnas, acudirán a xornadas de teatro ou a festivais de música tradicional.
O PROGRAMA
Luns, 15 xullo. De mañá: “Recepción de visitantes”. De tarde: “Percorrido de presentación pola vila de Ponteceso”. De noite: “Saída nocturna libre”.
Martes, 16 xullo. De mañá: “Recepción na Casa do Concello e asistencia á procesión da Virxe do Carme en Corme”. De tarde: “Visita ó MAC de Corme, ó faro Roncudo e a praia do Osmo”. De noite: “Asistencia á verbena nocturna do día do Carme en Corme”.
Mércores, 17 xullo. De mañá: “Sesión de traballo”. De tarde: “Visita á casa de Pondal e á enseada da Insua”. De noite: “Serán no pavillón municipal con deportes tradicionais”.
Xoves, 18 xullo. De mañá: “Sesión de traballo”. De tarde: “Visita ó Forno do Forte en Buño”. De noite: “Camiñada nocturna polo río Anlóns”.
Venres, 19 xullo. De mañá: “Sesión de traballo”. De tarde: “Visita ó castro e á praia de Niñóns”. De noite: “Asistencia a Teatro na Rúa”.
Sábado, 20 xullo. De mañá: “Roteiro Conciencia do noso pasado”. De tarde: “Regreso do roteiro”. De noite: “Saída nocturna libre”.
Domingo, 21 xullo. De mañá: “Paseo a cabalo”. De tarde: “Estacia na praia de Valarés”. De noite: “Saída nocturna libre”.
Luns, 22 xullo. De mañá: “Sesión de traballo”. De tarde: “Visita ó Laxe de Isidro Parga Pondal”. De noite: “Asistencia á escenificación no IES de Ponteceso Noites do prácido luar”.
Martes, 23 xullo. De mañá: “Sesión de traballo”. De tarde: “Visita a Malpica de Bergantiños”. De noite: “Asistencia ó concerto de música tradicional a cargo da Banda Inllar no Recheo de Ponteceso”.
Mércores, 24 xullo. Todo o día: “Visita a Santiago de Compostela”.
Xoves, 25 xullo. De mañá: “Libre”. De tarde: “Lecer no campo do río de Anllóns”. De noite: “Libre”.
Venres, 26 xullo. De mañá: “Sesión de traballo”. De tarde: “Lecer na praia de Valarés”. De noite: “Marcha nocturna”.
Sábado, 27 xullo. De mañá: “Visita á illa da Estrela e á Pedra da Serpe”. De tarde: “Deportes náuticos en Cabana de Bergantiños”. De noite: “Verbena nocturna en Tella”.
Domingo, 28 xullo. De mañá: “Participación no Día da Bicicleta”. De tarde: “Camiñada polo rego dos Muíños e asistencia ó Castro Animado”. De noite: “Verbena nocturna en Tella”.











