Últimas entradas para a Festa do Pulpo do Carballiño
Nos tres primeiros días de venda de entradas para o recinto oficial da LI edición da Festa do Pulpo do Carballiño, xa se venderon case tres cuartas partes do aforo, quedando na actualidade algo máis de 300 tarxetas para este evento gastronómico. Desde a área de Turismo recórdase unha vez máis que este ano as entradas estanse vendendo de forma directa, e non por sorteo como nos dous anos anteriores, polo que os interesados deberán acudir ao propio concello, en horario de mañá, para adquirir ditas tarxetas.
O prezo deste ano, do mesmo xeito que o ano pasado, será de 30 euros, podéndose retirar un máximo de 50 tarxetas por persoa. O menú será o tradicional desta festa: empanada, carne ao caldeiro, pulpo á feira, viño, auga refrescos, doces, café, licores e queimada.
Doutra banda a área de Turismo do concello do Carballiño recorda que este xoves presentarán unha nova iniciativa ligada directamente coa festa. O museo virtual do pulpo. No cal se podera realizar un paseo por todos os puntos de interese da vila, con apartados especiais á propia festa e aos protagonistas da mesma, os pulpeiros e pulpeiras de Arcos.











