Turismo promoverá A Coruña e área metropolitana nos mercados de proximidade de Asturias, León e Portugal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Plan de Dinamización do Produto Turístico da Coruña e a súa Área Metropolitana buscará atraer visitantes dos chamados mercados de proximidade. Trátase de rexións emprazadas a unha distancia media da bisbarra, a unhas 3 ou 4 horas de tempo de viaxe.

Estatisticamente son algunhas das principais orixes dos turistas que veñen á Coruña procedentes da Península. O Plan de Turismo pretende reforzar estes mercados e promover a chegada de máis visitantes desas zonas.

Para iso, o Plan de Turismo, que coordina o Consorcio As Mariñas e o Concello da Coruña, deseñou unha campaña baseada nos atractivos turísticos mediante unha exposición fotográfica e na gastronomía, mediante degustacións de produtos locais.

Desenvolverase dende o próximo luns 15 de xullo e durante todo o verán co seguinte programa:

· Porto: 15 -30 xullo. Centro comercial El Corte Inglés

· León: 1 -15 agosto. Rúas peonís

· Oviedo: 16 -31 agosto. Praza céntrica

· A Coruña: 2 -21 setembro. Centro comercial Coruña The Style Outlets (Culleredo)

Durante eses períodos estará montada a exposición de fotografías, composta por 6 cubos de gran tamaño. Retratarán os puntos de maior interese turístico da cidade e da bisbarra.

Un día de cada unha das cidades celebrarase a degustación. Poderanse probar produtos como o queixo de Abegondo, pan e empanada de Carral, mexillóns de Lorbé, algas, angulas, produtos de caza, cervexa, viño de Betanzos, augardente, xeados, bombóns ou café.

Todos son produtos elaborados por empresas da área.

A campaña pecharase a propia bisbarra, no outlet de Culleredo, que recibe cada día a moitos visitantes de fóra da bisbarra e considérase un lugar idóneo para reforzar a chegada de turistas tamén de circuítos curtos.

12 de xullo de 2013 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.