Turismo Ourense S.A. fixa o calendario de aprobación das contas e o procedemento para a disolución empresarial
A concelleira de Turismo de Ourense, Mónica Vázquez, coma presidenta do Consello de Administración da sociedade Turismo Ourense, SA, ven de celebrar unha reunión co Consello de Administración da empresa, na que se fixou o calendario de reunións nas que, nun primeiro lugar se procederá á aprobación das contas do exercicio 2012 e posteriormente se tratará a disolución da empresa.
Segundo o calendario fixado na xuntanza desta mañá, fíxase como data o 23 de setembro para a aprobación anual das contas, e o 23 de outubro para a convocatoria da Xunta Universal de Accionistas, na que se tratará o tema da disolución, a súa aprobación e procedento a seguir.
A aprobación destes dous acordos é competencia da Xunta Universal da sociedade, órgano no que, xunto ao Concello de Ourense, participan responsables das empresas que forman parte da sociedade: Extraco, Caldaria, Xesmega, Domen e Subita. Estas firmas representan aproximadamente un 30% da sociedade, correspondendo ao Concello o 70% restante.
Na reunión desta mañá, participaron representantes e técnicos do Concello de Ourense e os responsables das empresas Caldaria e Subita.
O goberno municipal da un novo paso no cumprimento do acordo aprobado polo Pleno do Concello do pasado día 3 de maio no que, a proposta do grupo de DO, aprobouse unha moción co acordo de que o Concello tome as medidas necesarias para que se proceda á disolución e posterior liquidación da sociedade mixta Turismo de Ourense S.A., xunto cunha emenda de adición, presentada polo grupo do PP, de que as competencias que viña desenvolvendo a sociedade sexan asumidas pola Concellería de Turismo cos funcionarios adscritos a ela. O acordo foi aprobado polo Pleno do Concello, por 16 votos a favor de PP, BNG e DO.











