Tomiño insta á Subdelegación do Goberno e á Deputación a retirar as multas impostas a preferentistas do Baixo Miño

Irrupción de preferentistas nunha sesión plenaria
A Corporación Local de Tomiño, decidiu ao final da sesión plenaria celebrada onte, adoptar un acordo sen precedentes, en relación ás sancións e denuncias impostas á Plataforma de Afectados polas Preferentes e Subordinadas do Baixo Miño.
Un grupo de afectados asistiu ao pleno, permitindo que este se celebrase. Ao rematar a sesión, o portavoz do grupo de afectados do Baixo Miño, Xulio Vicente, fixo ante os corporativos unha longa intervención, na que deu conta das numerosas multas e denuncias feitas contra os membros da plataforma durante as últimas movilizacións realizadas polo colectivo en defensa dos seus dereitos, e que suman un total de 15.000 euros, aproximadamente.
Os afectados increparon repetidas veces aos concelleiros do Grupo Municipal do PP, esixíndolles un compromiso claro da súa parte en defensa dos intereses dos veciños.
Como resultado das intervencións dos membros da plataforma, algúns de Tomiño, a corporación local, a proposta do concelleiro e tenente de alcalde, Uxío Benítez, acordou por unanimidade de todos os grupos municipais, o seguinte acordo:
1) Condenar a represión policial que pretende criminalizar o movemento cívico de protestas contra a estafa das participacións preferentes e subordinadas.
2) Instar ao Subdelegado do Goberno e ao presidente da Deputación de Pontevedra, a que ordenen retirar as respectivas multas e denuncias aos membros das plataformas de afectados.











