Tomás Fole negocia coa Deputación o financiamento que permita arranxar o parque da Xunqueira
O alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, mantivo hoxe un encontro de traballo co presidente da Deputación provincial, Rafael Louzán, para facer un seguimento dos investimentos pendentes e xa aprobados e, ao tempo, xestionar novo financiamento para outros proxectos que están na axenda do goberno local e que, como no caso da segunda fase da reforma da praza de abastos ou do reacondicionamento do parque da Xunqueira están pendentes do conflito xurdido arredor do préstamo dos fondos Fomit (Luz Salgada).
Con respecto aos proxectos xa en marcha, o alcalde foi informado de que nos vindeiros días o Concello recibirá o tractor desbrozador solicitado no seu día, unha máquina que será moi importante no plan de mellora e mantemento das zonas rurais. Igualmente, se adxudicará e executará de inmediato a renovación das zonas de xogo infantís no parque de Miguel Hernández. Como se sabe, na zona de maiores será substituído o solo de area por outro de caucho. Na zona de pequenos será renovado tanto o solo, que será igualmente de caucho, coma os xogos, que serán substituídos na súa totalidade.
Para o futuro, e tanto dentro dos presupostos xerais da Deputación como nos fondos de libre disposición da Presidencia, o alcalde pretende que se inclúa financiación suficiente para o arranxo de diversas instalacións deportivas e de centros socio-culturais, pero tamén para concluír a praza que comenzou a construírse diante do antigo matadoiro, na rúa Matosinhos, o arranxo do parque da Xunqueira, que sofre numerosos desperfectos, especialmente nas zonas de paso, e a continuación da reforma da praza de abastos. Como se sabe, estes dous últimos proxectos están pendentes de que se desbloquee o préstamo dos Fondos Fomit do Goberno central. Como queira que son dúas obras fundamentais na axenda do goberno local, Tomás Fole quere garantir por todos os medios que exista a financiación necesaria, ben sexa a través de Luz Salgada, ben por medio dos presupostos da Deputación.











