Teo realiza asfaltados en vías interiores con fondos propios por valor de 30.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTeo
A-
A+

A concellaría de Servizos Básicos, dirixida por Xurxo Francos, realizou nos últimos meses tarefas de asfaltado e mantemento en diversos núcleos do Concello con cargo a fondos propios municipais. Estas obras, executadas en lugares de seis parroquias, supuxeron mellorar máis de oito quilómetros de vías e un orzamento no seu conxunto de preto de 30.000 euros.

Segundo explica Xurxo Francos estas obras de pequena cuantía “teñen a particularidade de que non encaixan en plans de obras supramunicipais que por outra banda teñen practicamente desaparecido nos últimos tempos”. Dende Servizos Básicos especifícase que unha das vías arranxadas é un viario que cruza o lugar do Coto en Bamonde cunha extensión de máis que tres quilómetros. En Coira, na parroquia de Reis tamén se fixo outro asfaltado de dous quilómetros e medio. As outras actuacións foron en Constenla, A Silva, Río Tinto, Cascandelo, Tilos, na estrada de Luou a Vilar de Calo, Sisto e As Viñas e todas foron pequenos arranxos que xuntos suman máis que dous quilómetros de asfaltado.

Por outra banda a sinalización horizontal de cruces perigosos, zonas de aparcamento ou pasos peonís supuxo un investimento de fondos municipais este ano de 15.000 euros. Os lugares nos que se traballou nun novo pintado ou na reposición do que existía foron as urbanizacións dos Verxeles e Val da Ramallosa, varios cruces nas parroquias de Reis, Oza, Bamonde, Cacheiras e Luou, e aparcamentos e pasos peonís en Reis, Oza e Luou.

Xurxo Francos destaca ademais que durante nas próximas semanas se procederá a bachear naquelas vías con zonas máis complicadas.

 

6 de xullo de 2013 | 11:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.