Teo envía unha mostra do Entroido dos Xenerais ao terceiro encontro de teatro popular en Viana
Este ano o entroido dos xenerais e correos non rematou no tempo de carnaval. Un grupo de 30 persoas de Teo participan neste mes de xullo no Eixpressoes, 3º Encontro de teatro popular do Noroeste Peninsular que se celebra en Viana do Castelo. Esta nutrida representación teense pertence á Asociación A Regionalista e á Asociación Rosalía de Castro, de Cacheiras, e da súa colaboración sairá unha representación da realidade do entroido da Ulla fóra da data e fóra do seu lugar natural pero mantendo a súa identidade.
Este encontro de teatro popular nace en Viana do Castelao no 2011 dentro do proxecto da cidade como Capital Cultural do Eixo Atlántico. Mantense e na súa terceira edición, neste 2013, ten como obxectivos divulgar e dinamizar o teatro popular, profundizar no coñecemento destas representacións ademais de permitir o intercambio e reforzar os lazos culturais entre o Norte de Portugal e Galicia.
Deste xeito Teo foi convidado a este encontro da cultura popular e o entroido trasládase das aldeas do Concello ás rúas de Largo das Neves (Viana do Castelo). O sábado 20 de xullo ás 18:00 horasn amosarase a chamada columna do entroido formada por correos, o demo (personaxe típica do entroido de Teo), o coro de bonitos (formado por danzantes e montañeses), caixeiros e xenerais. Nese pasarrúas escenificaranse as peculiaridades do entroido da Ulla coas vivas, as coplas, e os altos ou atranques. Toda a comitiva irá vestida coas roupas típicas así como os cabalos que aínda que sexan portugueses levaranse dende aquí monturas, adornos, mantas e espellos. Pola noite amosarase unha representación das danzas populares do entroido bailadas polo coro de danzantes, que teñen a particularidade de que van vestidos totalmente de branco.
Este encontro de teatro popular amosará durante eses días diversas representacións da cultura popular galega e portuguesa. Deste xeito ademais do entroido da Ulla poderanse ver o folión e mascarados de Manzaneda, gaiteiros de San Ciprián, cigarróns de Verín, moros e cristianos de Mondariz así como o baile das Floreiras e dos Pedreiros de Peñafiel, a queima de Judas de Viana, entre outros. As actividades deste encontro serán os días 19 e 20 de xullo en Largo das Nevesa, o 26 e 27 de xullo en Viana do Castelo e o 30 e 31 de xullo en Cervo e San Ciprián. Agárdese a participación de 500 actores en máis de 25 representacións.
Programación cultural en xullo
Pola súa banda a programación cultural organizada pola concellaría dirixida por Carme Hermida para este mes de xullo no territorio do propio Concello conta con propostas para os máis pequenos/as e varios concertos das bandas de música nas festas parroquiais.
O venres 12 de xullo ás 18:30 horas haberá unha sesión de contacontos na Mediateca do Grilo dirixido a un público familiar. A compañía Sarabela Teatro presenta “Contando coas palabras”. O venres 19 será na Casa Común dos Tilos ás 18:30 horas onde se poderá ver Rodar i Rodari (Contos do tranvía). Trátase dun espectáculo de narración oral, con acompañamento musical, no que se emprega o conto tradicional, a tradición dos contos de Gianni Rodari, e os monicreques para, partindo da domesticación dun animal coma o burro, chegar ó uso e abuso das novas tecnoloxías. Esta actividade da compañía Fantoches Baj está dirixida tamén a un público infantil e familiar.
Durante o mes de xullo haberá actuacións das bandas de música en diferentes festas das parroquias. En Vilariño o domingo 14 ofrecerá un concerto a banda de música de Teo, que tamén estará en Luou o sábado 20. A banda de música de Calo actuará o domingo 21 en Lucí e o luns 29 nas festas de Cacheiras. Estas actuacións son financiadas e coordinadas dende o Departamento de Cultura, dirxido pola concelleira Carme Hermida.
O Concello de Teo agradece que cada asistente a unha actividade cultural municipal faga unha contribución ó Banco Veciñal de Alimentos. O máis adecuado son produtos comestibles non perecedeiros (conservas, leite, aceite, legumes, arroz, pasta…). No recinto onde se desenvolva o acto haberá un carriño da compra onde se poden depositar os alimentos.
Para rematar coa programación cultural o sábado 20 proxectarase a película “O Apóstolo” na explanada do Gadis, en Cacheiras ás 22:00 horas. Trátase dunha actividade organizada por Gadisa e de producción allea ao Concello.











