Teo abre o prazo para anotarse en “Diverteo” no mes de setembro que funcionará en Calo, Os Tilos e A Ramallosa

Visita do persoal de protección civil a “Diverteo”
O Concello de Teo abre o prazo para anotarse no programa de conciliación Diverteo Setembro. Como vén sendo habitual funcionará nos días de setembro previos ó comezo do curso escolar, para deste xeito facilitar ós pais e nais a difícil tarefa da conciliación familiar e laboral. Neste edición o Diverteo será os días 2, 3, 4, 5, 6, 9 e 10 de setembro e realizarase nos colexios de Calo, Os Tilos e A Ramallosa en horario de 07:45 ás 14:45 horas.
O prazo para inscribirse comezou hoxe e está aberto ata o 17 de agosto. As persoas interesadas deben entregar a ficha de inscrición, que xa se pode descargar da web municipal, no Rexistro Xeral do Concello de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas ou os sábados de 09:00 a 13:00 horas. Hai 145 prazas dispoñibles e o acceso será por rigurosa orde de inscrición.
O custe deste programa é de 3,08 euros por día e neno/a polo que a edición de setembro terá un custe total de 21,56 euros. A listaxe de admitidos/as publicarase a partir do 21 de agosto.
Verán animado
Pola súa banda o Verán animado, o programa específico de conciliación do mes de xullo do Concello de Teo, está a piques de rematar. Na xornada de onte os case 150 nenos/as participantes nos colexios de Calo e A Ramallosa recibían a visita dos equipos de Emerxencias e da Policía local municipais. Tamén os acompañaron o alcalde de Teo, Martiño Noriega e a concelleira de Educación, María Álvarez Garea.
O Verán animado desenvolveuse no mes de xullo coa temática da volta ó mundo. Ademais dos diferentes talleres realizados nos centros da Ramallosa e Calo, os nenos/as participantes puideron gozar doutras actividades máis lúdicas como saídas á praia, á piscina ou á Casa das Ciencias na Coruña.
A piques de rematar o mes foi o persoal de Protección Civil e da Policía Local os que se achegaron cos seus vehículos de intervención e co material propio destes servizos para facer da mañá unha auténtica aventura.











