publicidade hoxe

Solta de troitas para repoboar o río Loio no Concello de Paradela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaParadela
A-
A+

A Consellería de Medio ambiente, en colaboración co Concello de Paradela, acaba de realizar una solta de troitas para repoboar o Río Loio, foron 1000 exemplares: 800 alevines de 5 cm aprox e 200 de máis de 15 cm. Estas actuacións se enmarcan nas actuacións de conservación do Espazo Natural de Interese Local Loio-Ruxidoira.

Os espazos naturais de interese local, tal e como define a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, son lugares singulares que merecen algún tipo de protección dos seus valores naturais.

O ENIL Loio-Ruxidoira ten unha superficie de 437 hectáreas en torno ao río Loio, ao seu paso polas parroquias de Loio, Castro San Martiño, Castro (San Mamede), Ferreiros, Francos, Cortes, Laxe, Suar, San Miguel, Vilaragunte e Barán. O interese deste lugar radica na gran diversidade de especies que habitan un bosque de ribeira extenso e en bo estado de conservación que se alterna con extensas áreas de carballos e castiñeiros. A maior parte do ENIL está ocupada por carballos, castiñeiros, bidueiros, salgueiros…etc. Estes bosques de especies autóctonas son bosques maduros e equilibrados que favorecen a biodiversidade e son refuxio dun gran número de especies de fauna e flora. Hai estudios que sinalan ata 22 especies protexidas por algunha Directiva Europea, entre as que destacan varias especies endémicas de Galicia e da Península Ibérica como p.ex. o limpafontes común ou a lagartixa galega, así como numerosas especies recollidas no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas ou no Catálogo Galego de Especies Ameazadas como p.ex. a píntega e outras recollidas na Lista Vermella dos Vertebrados de España. Este tipo de bosques teñen un microclima que favorece a existencia dunha gran variedade de especies de fauna e flora, no entorno do río poderemos atopar, entre outras moitas especies: ourizos, rás verdes, lucións, toupas, furafollas, morcegos, armiños, donicelas, londras …etc. E tamén numerosas aves como miñatos, gatafornelas, falcóns pequenos, paspallás, rulas, cucos, lavercas, paporrubios, reiseñores da auga, bufos pequenos…etc. e algún que outro raposo, corzo, porco bravo…etc

O sendeiro PRG-14, coñecido como Ruta do Loio e homologado pola Federación Galega de Montañismo, que conta coa sinaléptica habitual das rutas de sendeirismo é a mellor maneira de realizar unha primeira aproximación ao ENIL e coñecer ademais varios muíños, como p.ex. o muíño do Cabo no inicio ou o muíño da Retorta que acaba de ser restaurado. Desde o roteiro, tomando un desvío podemos visitar as ruínas do mosteiro de Sta. María de Loio, lugar onde se funda a Orde dos Cabaleiros a Santiago e do que aínda se poden ver algúns restos. No lugar abundan as matogueiras de acivros (Ilex aquifolium),  de novo unha especie en perigo de extinción e catalogada como especie protexida. O feito de ser unha planta que frutifica en inverno dálle un valor ecolóxico moi importante, ó ser unha boa fonte de alimento para moitas especies, especialmente paxaros.

No territorio do ENIL hai tamén abundante patrimonio etnográfico a través do que coñecer a historia do lugar: en Cortes poderemos ver viñedos cos que entenderemos as calidade do viño da D.O. Ribeira Sacra  ou os ben conservados muros que dividen as fincas de labor e que son característicos da paisaxe en mosaico propia de Galicia, atoparemos casas de Fidalgos como a que hai no lugar de Celmán ou lugares privilexiados para entender o que supuxo o embalse de Belesar para Portomarín como o mirador de Cabodevila…etc. En definitiva, natureza e historia para pasar un día de lecer é o que atoparemos neste lugar protexido.

3 de xullo de 2013 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.