Sesenta nenos participaron nunha sesión de xogos tradicionais na Alameda

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local ► Santiago de Compostela ▼
A-
A+
Xogo da chave

Xogo da chave

Seguen as actividades do programa Vive o verán. Nesta xornada de venres, o concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, visitou na Alameda a sesión de xogos tradicionais e entregou os diplomas de participación aos nenos asistentes. O programa Vive o verán inclúe dúas xornadas dedicadas á divulgación dos xogos tradicionais, conducidas pola Asociación de Xogos Tradicionais de Compostela. Uns 150 nenos dos distintos centros socioculturais onde se desenvolven as Mañás de verán e de xogo participan desta programación.

Na sesión da Alameda, apoiada tamén por animadores socioculturais, tomaron parte 60 rapaces e rapazas dos centros de Fontiñas e de Santa Marta, inscritos nas Mañás de verán. Xogos como a billarda, a petanca, o pano, os bolos, o tiracroios, a chave ou a comba foron os protagonistas dunha xornada na que os participantes, organizados por equipos, rotaron por todos os xogos.

O venres 26 de xullo haberá outra oportunidade para gozar cos xogos tradicionais. Desta vez acudirán 90 nenos e nenas dos centros de Vite, Conxo e A Gracia, que participan nas Mañas de xogo do programa Vive o verán.

19 de xullo de 2013 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.