Servizos sociais de Frades visita aos maiores que viven sós no municipio para analizar as súas necesidades
Técnicos dos Servizos Sociais do Concello de Frades veñen de iniciar un plan de visitas ás persoas maiores que viven soas no municipio para analizar as necesidades que teñen de cara á elaboración de novos programas sociais. “Este ano aumentamos nun 100% a axuda a domicilio e estamos prestando un servizo de podoloxía gratuíto a unha trintena de maiores e persoas dependentes”, explica o alcalde de Frades, Roberto Rey.
Este plan de visitas, que estará rematado a principios de outono, permitirá analizar as necesidades e preferencias destas persoas, polo que servirán como base fundamental á hora de que o Concello de Frades poida ofrecer novas actividades e programas sociais. Aínda que ata o momento só se levan realizado unha ducia de visitas, “semella que unha das peticións que máis se repite é a dun servizo de fisioterapia semellante ao que estamos a prestar de podoloxía”, sinala o alcalde de Frades.











