Segundo posto para o Kaiak Tudense na clasificación por equipos do Campionato de España

Equipo do Kaiak Tudense tras acadar o 2º posto
O kaiak Tudense logrou o segundo posto na clasificación por equipos no Campionato de España de pista que se disputou en Verducido. O quinto na clasificación foi As Torres de Catoira Romería Vikinga e o sétimo o Breogán do Grove. Outras cinco formacións galegas entraron entre os vinte primeiros. O kaiak Tudense logrou un total de vinte medallas, dez delas de ouro, e impúxose na Liga Sénior Nacional de 2013, o que supón algo histórico. O Náutico de Sevilla foi o triunfador en Verducido.
A última xornada do Campionato de España estivo dedicada ás probas de 200 metros. E nesa distancia, os padexeiros galegos volveron demostrar que se encontran entre os mellores a nivel nacional. André Oliveira, do Firrete, gañou en C-1 200, por diante de Adrián Siero, do Piragüismo Poio, e José Luis Bouza, do Kaiak Tudense. A chegada foi moi igualada e espectacular, coa caída dalgún dos participantes na liña de meta.
Raquel Rodríguez, do Cidade de Pontevedra, foi segunda en C-1 200 metros, mentres que Paulino Outeiro, do O Muiño de Ribadumia, ocupou a mesma posición en K-1 200. O mellor posto en K-1 200 feminina foi o cuarto lugar de Tania Fernández, do Fluvial de Lugo.
Nos barcos dobres tamén houbo superioridade galega. Carlos Pérez Rial e Rodrigo Tiebo, do Piragüismo Aldán, impuxéronse en C-2 200 por diante de Luis Real e Cristian Toro, do Fluvial de Lugo. Javier Benito e Carlos Arévalo, do Ría de Betanzos, só puideron ser cuartos. Na modalidade de C-2 200 metros o dominio autonómico resultou apisoante. Os seis primeiros barcos da clasificación final foron galegos. Luis Figueira e José Luis Bouza, do Kaiak Tudense, foron os gañadores, André Oliveira e Brais Casas, do Firrete, ocuparon a segunda posición, e Xosé Francisco Vales e Adrián Edreira, do Ría de Betanzos, foron terceiros.











