Sanchís presenta o Campus de Verán de Fútbol no Concello de Gondomar

Manolo Sanchís durante a presentación
O Campus de fútbol Toyota de Manolo Sanchís xa está en marcha. O ex futbolista internacional presentou en Gondomar esta iniciativa de formación e ocio que permitirá aos pequenos perfeccionarse no seu deporte favorito.
Ao acto de presentación, celebrado esta mañá no Centro Neural do municipio, acudiu Manolo Sanchís, ex capitán do Real Madrid, Fernando Guitián, alcalde de Gondomar e a responsable de Deportes, Natalia Salgueiro.
Durante a presentación deste campus, Manolo Sanchís recoñeceu que aínda que foron varios os lugares barallados para levar a cabo o campus, finalmente Gondomar “foi o lugar idóneo dado á gran disposición que se amosou por parte do Concello para poñer en marcha o campus”.
Pola súa banda, Fernando Guitián salientou, ademais do aspecto deportivo que se trata de fomentar, a importancia que teñen “actividades como esta que permiten que as instalacións do Concello sigan vivas e non queden paradas”.
Natalia Salgueiro agradeceu ao ex xogador a súa presenza en Gondomar e que este fose o lugar elixido para o desenvolvemento en Galicia deste Campus.
Adestramentos baixo a supervisión de Manolo Sanchís
O campus, que dará comezo o vindeiro luns, terá lugar nas instalacións deportivas do campo de fútbol municipal de As Cercas e se realizará en dúas quendas de cinco días cada unha, nun primeiro turno desde o 8 ao 12 de xullo e un segundo do 15 ao 19, en horario de 10.00 a 14.00 horas.
A actividade está dirixida a nenos e nenas de 8 a16 anos, aínda que como recoñece Salgueiro “dada a grande acollida que esta tendo a actividade tamén temos solicitudes de nenos de 7 anos. Non haberá problema para que eles tamén teñan o seu grupo no Campus”.
No desenvolvemento do Campus os nenos e nenas realizarán adestramentos de fútbol, cada día, baixo a supervisión do mesmo Manolo Sanchís e de todo un equipo de profesionais, entre os que se atopará o ex xogador do Deportivo, Iván Pérez.
Os nenos/as serán divididos por ano escolar, asegurando deste modo, que as características físicas e motoras sexan o máis parellas posibles e poder adaptar as actividades.
Todas as actividades se realizarán dende un enfoque recreativo, lúdico e deportivo, aínda que tamén se desenvolverán tarefas para a mellora da técnica individual de cada participante.
Cada grupo será guiado por monitores técnicos deportivos e monitores de tempo libre, que serán os encargados de vixiar que as actividades se desenvolvan con total normalidade e sen ningún perigo para os participantes.











