San Sadurniño porá en marcha o primeiro saneamento rural no lugar da Vila, en Ferreira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

O Concello de San Sadurniño vai destinar algo máis de 34.000 euros provenientes do Fondo de Compensación Ambiental á posta en marcha da rede de saneamento no lugar da Vila, situado en Ferreira de abaixo. Trátase do primeiro proxecto deste tipo que se leva a cabo no municipio, consistente en construír un pequeno tecido de sumidoiros que desemboque nunha depuradora biolóxica. Unha solución que practicamente non require mantemento e que o Concello quere ir implantando pouco a pouco noutros núcleos da zona rural.

O proxecto técnico leva tempo preparado e xa para o deseño da rede “houbo unha completa colaboración dos veciños e veciñas da zona, que apoiaron a iniciativa e deron todas as facilidades para que se leve adiante”, tal e como destaca o alcalde, Secundino García. Será necesario soterrar tubaxes de 315 mm de diámetro formando 5 ramais ao longo dos que tamén se instalarán 14 pozos de rexistro. Unha infraestrutura que conducirá as augas fecais até unha depuradora situada nunha parcela adquirida recentemente polo Concello por 1.000 euros.

A novidade do sistema está precisamente na depuradora. No canto de empregar mecanismos eléctricos e produtos químicos o proceso baséase na fitodepuración. É dicir, usaranse distintas plantas acuáticas para limpar os residuos líquidos a medida que se filtran por un sustrato de grava e area. Toda a depuradora está composta dun tanque de decantación con tres compartimentos e unha balsa de fitodepuración que, ao final do percorrido da auga, conta cun pozo de control do nivel e vertedura. Dependendo do seu tamaño, as fitodepuradoras teñen capacidade para procesar os residuos de ata 2.000 familias.

A fitodepuración ten unha ampla difusión nos Estados Unidos e nos países do norte de Europa, onde xa demostrou a súa efectividade. Non consume enerxía e, ademais, as instalacións intégranse perfectamente no contorno natural. Outras das vantaxes que ofrece son a de adaptarse ben ás variacións de caudal, a de non emitir cheiros desagradables e a de que non proliferan as colonias de insectos.

A depuradora quedará instalada a 64 metros do río Pequeno, polo que foi preceptivo informar e solicitar autorización a Augas de Galicia. Tan pronto como se obteña o permiso comezarán as obras, cifradas en 34.611 euros. A cantidade sufragarase integramente con cargo ao capítulo de proxectos non competitivos do Fondo de Compensación Ambiental, un fondo que se distribúe entre aqueles concellos onde se asentan parques eólicos de acordo coa súa potencia e o espazo que ocupan.

O Concello levará a cabo as obras por administración e botando man dos oito operarios contratados a través do plan especial de mellora de infraestruturas. Agárdase que os traballos poidan comezar a mediados do mes de agosto.

A intención municipal é que o saneamento da Vila sexa o primeiro ensaio dun sistema de depuración que se podería trasladar logo a outros núcleos do territorio. Estímase que unha rede de sumidoiros convencionais tería un custe superior aos 30 millóns de euros ou, dito doutro xeito, os orzamentos municipais de dez anos. Porén, as minidepuradoras biolóxicas coma a que se vai construír en Ferreira “son unha opción factible e asumible” coa que, segundo a titular de Obras, Amparo Calvo, “o Concello pode ir despregando pouco a pouco o saneamento nas parroquias”.

29 de xullo de 2013 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.