San Sadurniño inicia o prazo de presentación de ofertas para o equipamento do Pazo da Marquesa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

As obras no pazo están rematadas desde hai semanas e só falta adecentar a entrada do edificio repoñendo a zona axardinada. Unha tarefa incluída tamén no procedemento aberto con multiplicidade de criterios de valoración para contratar o equipamento integral do inmoble. 

Porén, as grandes actuacións que deberá desenvolver a empresa adxudicataria son a de mercar todo o material necesario segundo o proxecto técnico -mobiliario, equipamento informático, megafonía, etc.- e a de instalalo de acordo coas necesidades de funcionamento da futura casa do Concello. 

Así faranse labores de carpintaría interior colocando mamparas divisorias en varias dependencias. Ademais deixarase lista unha rede informática de alta velocidade xestionada por un servidor central e acompañada dun sistema de proxección e outro de megafonía para o salón de sesións, de maneira que se facilitará a gravación e incluso a difusión dos plenos por internet.

Por outra banda, o prego técnico tamén recolle os criterios de colocación da sinalización e da cartelaría interior xunto coa dotación con mesas, cadeiras e estantes de todas as oficinas. Por último, o proxecto inclúe o equipamento do arquivo municipal, que levará estanterías móbiles de cara a aproveitar ao máximo o espazo dispoñible.

O acondicionamento exterior da entrada e a instalación de elementos están cifrados en algo máis de 28.000 euros, mentres que o material en si anda preto dos 80.000. A cifra exacta do proxecto son 113.636,36 euros que, cun 21% de ive, quedan en 137.500 euros. Desta cantidade -que seguramente sexa menor por causa das baixas-, a Deputación achega un 80%. 

Os traballos saen a contratación cun prazo máximo de execución de 2 meses que, seguramente, tamén será menor debido a que a celeridade na entrega é un criterio valorable. En calquera caso, as empresas que opten a facerse con este contrato non deberán depositar garantía provisional para participar no proceso. A documentación poderán presentala ata o 19 de xullo cos criterios e modelos indicados no prego que rexe todo o proceso, dispoñible no perfil de contratante do Concello.

11 de xullo de 2013 | 13:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.