San Sadurniño agarda que o XX Festival do Río Castro se convirta nunha das edicións máis concorridas
O Festival do Río Castro é, xunto co San Pipote, o acontecemento anual que máis xente reúne en San Sadurniño. Nesta ocasión fan vinte edicións e para celebralo a Asociación de Veciños O Castelo de Narahío preparou un cartel cun grande tirón cos Rastreros de Chantada como peche da festa. O cartel e o bo tempo que se agarda levarán a Naraío centos de persoas xa desde primeiras horas da mañá para pasar o día ao pé do río.
Sabedora disto, a organización contará con varios aparcamentos e un dispositivo de protección civil e da policía local de Mugardos que regularán os accesos en coche ao festival e que restrinxirán o tráfico rodado no seu contorno a partir das tres da tarde.
O programa do festival, arrancará pouco despois das 15.30h. con xogos para os máis pequenos a cargo da Asociación Galega do Xogo Popular e tradicional. Tamén para os cativos actuarán Magín Blanco e Os Ghazafelhos co espectáculo “A nena e o grilo nun barquiño”. Xa ás 18.30 empezarán as competicións de xogos populares -chave, serrado con tronzador e corda- que son un dos momentos máis agardados da tarde.
A música iniciarase ás 22.00 coas gaitas e pandeiretas da escola de música tradicional do Concello, que volven abrir o festival despois dunha exitosa e aplaudida actuación o ano pasado. Logo virá a banda de música tradicional Zurrumalla e pecharán o festival os chantadinos Os Rastreros, auténtica icona do punk galego e referente para moitos festivaleiros e festivaleiras que medraron co Xabarín Club. Entremedias de cada grupo tamén actuará a pé de palco A Requinta da Laxeira, que xa nunha anterior edición conseguiron revolucionar o campo coa súa música frenética.
O festival do Río Castro está organizado pola AVV. O Castelo de Naraío coa colaboración de ducias de veciños e veciñas que, ou ben botan un cabo ou ben ceden terreos para poder sacar adiante o evento. Ademais tamén conta con axuda económica do Concello de San Sadurniño, a sociedade de xestión AIE, a Cooperativa de Meirás e, en menor medida, da Deputación da Coruña.
Teatro en San Sadurniño
Outra cita cultural para a fin de semana será o teatro. O domingo a partir das 19.30h a casa da Cultura acollerá dúas obras para maiores de 14 anos con textos de Pepablo Patinho. A primeira delas, “Norindo Honorio”, está ambientada nun velorio e presenta a xeito de entremés as parolas dos achegados do defunto. A segunda obra, “Ménteme, mente” é un drama protagonizado por unha muller rodeada de estraños personaxes. A entrada é gratuíta.











