San Román proclámase campión do torneo de peñas de fútbol da Laracha

Equipo San Román
San Román proclamouse campión da edición 2013 do Torneo Municipal de Peñas de Fútbol do Concello da Laracha tras impoñerse este domingo na final por 1-0 a Estramil no encontro disputado no campo Municipal da Laracha ante uns cen espectadores.
O partido estivo marcado pola gran igualdade existente entre os dous conxuntos, que mostraron un excelente orde táctico ao longo dos noventa minutos. Nos primeiros compases foi Estramil o equipo que levaba a iniciativa baseando o seu xogo nunha férrea defensa e buscando os balóns longos ás costas dos centrais tratando de sorprender ao contraataque, aínda que sen facer dano á experimentada zaga do San Román.
Estaba sendo un partido de moita entrega física, pero en realidade pouco vistoso para o público asistente, ata que pouco antes do descanso Mario fixo a gran xogada personal que significou o 1-0 que á postre sería definitivo. O atacante do conxunto da parroquia de Cabovilaño desfíxose de dous rivais e completou a acción cun potente disparo desde a frontal da área, imposible de atallar para o gardameta Nuchas.
No comezo da segunda metade mantívose o mesmo estilo de xogo que no primeiro acto ata que Estramil veuse na obriga de arriscar nos últimos vinte minutos. Os trocos ofensivos realizados polo adestrador deron outro aire aos intres finais, nos que o porteiro Rubén foi o salvador do San Román ao saír victorioso dun man a man con Jose, un dos mellores futbolistas dos da parroquia de Torás.
Os de Cabovilaño tamén tiveron a opción de sentenciar o encontro cunha triple ocasión a disparos de Alex, Mario e Chusca que entre o gardameta Nuchas e o poste evitaron, milagrosamente, que se convertise no segundo tanto.
A emoción mantívose ata o pitido final, pero Estramil non foi quen de lograr a igualada.
As concelleiras Patricia Bello –natural de San Román de Cabovilaño- e Rocío López –natural foron as encargadas de entregar os trofeos aos catro primeiros clasificados do campionato. No partido polo terceiro posto, disputado o pasado venres tamén no Campo Municipal da Laracha, Paiosaco Suiza impúxose a Coiro por un contundente 8-2.
FICHA TÉCNICA DA FINAL
San Román 1 – 0 Estramil
Gol: 1-0, Mario (minuto 42).
SAN ROMÁN:
Equipo inicial: Rubén; Zeus, Marcelino, Casillero, Yago; Alex Proame, Avelino, Rubén, Alex Rubén, Chusca e Óscar.
Tamén xogaron: Mario, David, Christian, Martín, Catoira, Juan e Víctor.
Adestrador: Manolo O Leiteiro
ESTRAMIL:
Equipo inicial: Nuchas; Casás, Breogán, Peris, Manuel; Alex, Suso, Dani; Rama, Jose e Ramón.
Tamén xogaron: Alex Inoff, Chicho, Pablo, Javi, Nacho, Jano, Nicol, Sergio, Martín, Brais e Luki.
Adestrador: Alex Juno











