Rotundo éxito de participación no campus de fútbol da Laracha

Participantes no campus
O Campus de Fútbol que organizou o Concello da Laracha e que se desenvolveu desde o pasado luns ata hoxe sábado foi un rotundo éxito organizativo e participativo.
A actividade tivo unha duración diaria de catro horas divididas en dúas quendas: a primeira, dirixida a nenos de 5 a 9 anos de idade (de 10.00 a 12.00 horas) e, a segunda, para nenos de 10 a 15 anos (de 12.00 a 14.00). En total contouse con máis de cen nenos participantes.
Ao longo de toda a semana os rapaces realizaron, baixo a supervisión de técnicos e monitores, diferentes actividades lúdico-deportivas baseadas principalmente no fútbol. Ademais de divertirse con esta práctica, puideron mellorar as súas cualidades físicas, técnicas e tácticas.
O Concello da Laracha apostou por ofrecer a participación nesta actividade de xeito gratuíto, polo que non tivo custo algún para as familias dos nenos. Precisamente axudar á conciliación da vida persoal e laboral dos pais durante as vacacións de verán dos escolares é un dos propósitos esenciais fixado polo Concello da Laracha á hora de organizar as diferentes actividades do programa de verán.
O prazo continúa aberto para as outras propostas que se ofertan, como as dúas xornadas no parque acuático de Cerceda (23 de xullo e 6 de agosto), o torneo de fútbol 3×3 (26 de xullo), o campus de baloncesto (do 29 de xullo ao 2 de agosto), as rutas en bici de montaña que se realizan os sábados, a segunda quenda do campamento urbano (do 5 ao 9 de agosto), a actividade de xogos recreativos na piscina municipal da Laracha (21 de agosto) e os diferentes deportes náuticos que se realizarán en agosto: pádel surf (día 8), kayak (20), ráfting (27) e surf (29).











