Rodríguez sinala que o “Descubrindo” é “unha pequena milagre” na presentación do número 12 do anuario de Estudos de Deza
O duodécimo número de “Descubrindo”, anuario que edita o Seminario de Estudos de Deza (SED) foi presentado esta tarde no Museo Municipal nun acto no que interviron o coordinador do SED, Román Rodríguez González; a concelleira de Cultura, María Álvarez; o director do Observatorio Astronómico da USC, José Ángel Docobo, e o estudoso e o investigador Xoán Carlos García Porral, ambos os dous autores de sendos traballos nesta publicación núm. XII do SED.
Román Rodríguez González destacou que “o que esteamos aquí presentando este <Descubrindo> é unha pequena milagre, xa que dada a situación económica que estamos a vivir tivo que salvar dificultades para poder continuar os traballos e facer posible que hoxe teñamos este número doce aquí e que poidamos continuar co corpus doutoral dá que, pouco a pouco, se irá consolidando como enciclopedia da Comarca do Deza”.
Rodríguez González indicou que “esta pequena milagre foi posible grazas ao traballo altruísta e totalmente desinteresado dos integrantes do SED, que dedicaron moitas horas do seu tempo a ir descubrindo segredos que agochan as nosas terras, a través dos seus traballos de investigación que configuran os <Descubrindo>, xa ao redor duns 300, que están aí para que futuras xeracións de lalinenses poidan ir achando aspectos inéditos de Lalín e Comarca”.
“Aos membros do SED, elenco de persoas versadas en múltiples campos e cun afán construtivo a prol da terra, nunca teremos forma de lle agradecer totalmente a súa entrega plena e mais nestes tempos que veñen mal dados”, remarcou.
Xoán Carlos García Porral sinalou que este número doce e tamén u once se poderán descargar en multiplataforma (Amazon, Google, Play, Apple ou bookstores) no prazo dun mes. O prezo é de 5,99 euros e permitirá a búsqueda por termos e palabras, o que facilitará ás persoas usuarias o acceso aos contidos. Indicou tamén que esta publicación estrea imaxe de portada, de César Gómez Buxán, que representa un saltón común pousado nunha dalia.
Docobo falou do achado da publicación inédita de D. Ramón, publicada neste número doce e María Álvarez agradeceu o esforzo a todos os autores deste anuario.
LISTAXE DE TRABALLOS
Este número 12 de “Descubrindo” recolle no seu duodécimo número un total de 18 traballos de 19 autores que afondan en aspectos moi variopintos da Comarca, merecentes de seren coñecidos e postos en valor a través da que está chamada a ser co paso do tempo <a enciclopedia de Lalín e Comarca>.
Na 12ª entrega do Anuario de Estudos de Deza atópase unha reseña sobre o testamento de Vasco Taboada Mosquera, señor de Liñares de Carlos de La Peña Vidal ou achegarse aos textos epigráficos dos cruceiros da man de Cecilia Doporto Regueira.
A exposición “Veciños 1912-2012” realizada recentemente polo Museo Municipal coa colaboración da Deputación de Pontevedra e da veciñanza de Lalín que achegou as fotografías, a maior parte delas antigas, con que se fixo a mostra, conforma outro dos apartados deste “Descubrindo”. As súas autoras, Cecilia Doporto e Julia Ferradás Crespo inciden que o que se pretendeu con esta exposición é poñer en valor o patrimonio cultural fotográfico lalinense. O traballo reproduce cada unha das fotografías que integraron a mostra que puido verse entre decembro de 2012 e xaneiro de 2013 no Museo “Ramón María Aller”.
Cristina Vázquez Gómez lévanos a Trasdeza para contarnos a historia e evolución da Banda de Música Recreativa e Cultural de Bandeira e Daniel González Alén amósanos novos descubrimentos de arte rupestre e petróglifos en Silleda ao longo do ano 2011.
A astronomía está moi presente neste número 12 do Anuario, a través das “Notas sobre os inicios da astronomía en Galicia: de Domingo Fontán a Ramón Mª Aller”, de Iván Fernández Pérez, e dunha obra inédita de D. Ramón María Aller, “Paso de mercurio por diante do disco e sol. Facsimil Ramón María Aller Ulloa” que se reproduce integramente no “Descubrindo” nun traballo preparado polo director do Observatorio Astronómico de Santiago de Compostela, José Ángel Docobo Durántez.
Alfredo Abeledo Penas fai un percorrido por “Os sons de Carboeiro” e Ángel Utrera Baza recrea o mundo das tabernas que forman parte da memoria colectiva dos pobos e descríbenos a realidade tabernaria da zona.
Antonio Presas presenta dobre traballo neste número, un adicado á “milenaria Ponte Taboada” e un segundo sobre “As situacións anticiclónicas na Comarca de Deza”.
Os aspectos educativos e o emprego na área rural analízanse na investigación realizada por Beatriz Teixeira Presas. Hai ademais estudos de carácter histórico sobre os Vázquez de Axiaz de Luis Fernando Pérez Méndez e sobre “Juan de Negreiros: os seus dominios no século XVI” de Manuel Fernández Rey.
En “O románico e as marcas dos canteiros no Concello de Lalín” o seu autor Xesús Antonio Gulías Lamas transporta ao lector ao mundo da pedra, a través de pontes e de igrexas como a de San Martiño de Lalín de Arriba, San Xián de Rodís ou San Miguel de Goiás, entre outras moitas. Ao tempo que desvela que os canteiros amosaron unha preeminencia destacada nestas terras no século XII.
O “Descubrindo” complétase cunha proposta de Xoán Carlos García Porral sobre “A xestión do patrimonio no Concello de Lalín”, cun traballo sobre os límites da Comarca de Deza no Catastro da Ensenada de César Gómez Buxán e cunha análise sobre “Os amillaramentos da riqueza rústica e pecuniaria como fonte para o estudo da estrutura da propiedade agraria do Concello de Lalín 1945-1952” de Xosé Ramón López Fernández.











