Ribadumia programa a XX Xuntanza Anual dos Maiores para mediados de agosto
O Concello de Ribadumia xa ten data para celebrar a XX Xuntanza Anual dos Maiores. Será o sábado 17 de agosto e o escenario elixido volverá a ser a Carballeira de Ribadumia. O obxectivo desta xornada é promover actividades de confraternidade e de convivencia entre os veciños máis maiores de Ribadumia.
O xantar de confraternidade estará acompañado por música en directo, xogos e premios aos participantes de máis idade. A participación nestas xuntanzas aumentou notablemente desde os seus inicios, xa que nas primeiras edicións participaban entre vinte e corenta persoas, mentres que os últimos anos o grupo superou os trescentos comensais. O prazo para inscribirse abrirase a última semana de xullo nas oficinas municipais.
Desde o Concello de Ribadumia, concretamente desde a Concellería de Servizos Sociais, organízanse anualmente numerosas actividades destinadas ao colectivo da terceira idade, que inclúen actividades lúdicas e deportivas para ocupar o seu tempo libre –ximnasia de mantemento, clases de informática, talleres de memoria…-. “O noso obxectivo é que os nosos maiores disfruten do seu tempo libre, disfruten da compañía dos seus veciños e vivan esta segunda mocidade da mellor forma posible. Desde o Concello de Ribadumia intentamos poñer da nosa parte programando festas, excursións e actividades que contribúan a complementar esas horas de lecer”, valora a alcaldesa Salomé Peña.











