Ribadumia convoca axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar
O Concello de Ribadumia, aprobou este luns en comisión de Goberno o regulamento para convocar as axudas a libros de texto, material e vestiario escolar. Trátase dunha iniciativa nova, proposta polo actual goberno, que pretende apoiar e axudar ás familias con menos recursos e compensar o gasto que supón a compra de novos libros de texto e de todo o material e equipamento necesario no comezo do curso escolar.
Os requisitos son: non percibir axudas polo mesmo concepto, estar empadroado en Ribadumia, Cursar 2º ciclo de educación infantil, primaria ou secundaria, que os ingresos non superen a contía do SMI para dúas persoas e o pago de hipoteca ou aluguer.
As axudas son de 80€/menor para adquisición de libros e material escolar en 2º ciclo de infantil e de 75€/menor para, material escolar ou vestiario deportivo en primaria e secundaria.
Unha vez publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia abrirase un prazo de 20 días para a presentación de solicitudes. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, estas serán avaliadas conforme o regulamento, elaborando unha lista provisional que se elevará a definitiva se procede.
Esta non é a única axuda que o Concello de Ribadumia inclúe en materia de educación, xa os orzamentos municipais destinan unha partida económica para subvencionar o comedor escolar e algunha das actividades extra escolares organizadas polas ANPAS
Tamén como apoio ás familias do municipio, este curso continúan coas taxas conxeladas na Escola Infantil 0-3 anos, a pesar da suba que por lei aplicou a Xunta de Galicia. Isto significa que o Concello está asumindo a diferenza entre as tarifas que pagan os pais e as que aplica a administración autonómica. Esta decisión supón un esforzo para as arcas municipais, un gasto engadido para o concello pero que están dispostos a asumir este curso para facilitar as cousas ás familias do municipio.











