Ribadumia convoca a XII edición do concurso de carteis para a Festa do Pan do Salnés
O Concello de Ribadumia convoca a doceaba edición do concurso de carteis para promocionar a Festa do Pan do Salnés, que se vai celebrar o sábado 10 de agosto entre a Carballeira de Ribadumia e os Muíños do Batán. As propostas deberanse presentar nas oficinas municipais ata o mércores 18 de xullo, ás 12:00 horas, momento no que remata o prazo de participación no concurso. Xunto co cartel, do que haberá que entregar unha copia en soporte DVD, tamén se achegará un sobre cos datos persoais do participante. Os carteis deben incluír o texto “XII Festa do Pan do Salnés. Ribadumia 10 de agosto de 2013. Organiza Concello de Ribadumia. Colabora Excma. Deputación de Pontevedra”.
As bases do concurso indican, ademais, que debe contar con medidas 45x65cm en formato papel e vertical. Cada concursante pode presentar un máximo de dous traballos, sempre orixinais e realizados en papel ou lenzo, con materiais e técnica libres. O cartel gañador recibirá un premio de 150 euros, que se entregará o día da festa.
A Festa do Pan do Salnés pon en valor a identidade do Concello de Ribadumia, na que os muíños de Barrantes, Sisán, Lois e Batán son un referente patrimonial importante, pero tamén potencia a recuperación de antigas tradicións e costumes en torno á riqueza deste alimento básico. A festa celebrarase o sábado 10 de agosto entre a Carballeira de Ribadumia e os muíños do Batán, onde se fai unha representación da moenda do millo.
A concellería de Cultura de Ribadumia xa está traballando na próxima cita festiva do concello. A comisión de festas xa está elaborando a programación da Festa do Pan do Salnés para introducir novidades que sigan facendo desta celebración unha cita atractiva para os veciños da comarca. Ao igual que en anos anteriores, tamén se incluirán os concursos de postres caseiros e de empanadas. No primeiro caso, todos os postres presentados deberán levar o pan como un dos seus ingredientes. Entregaranse o propio día da festa, entre as 17.00 e as 19.00 horas na Casa da Cultura de Ribadumia. O primeiro clasificado gañará cen euros, mentres que o premio para o segundo será un trofeo.
No que respecta á cuarta edición do concurso de empanadas, as bases recollen que deben estar elaboradas con fariña de millo, sendo de libre elección os ingredientes de recheo. Cada participante pode entregar como máximo unha empanada, o día da festa na Casa da Cultura de Ribadumia. Os premios son de 150 euros para o primeiro clasificado e un trofeo, para o segundo.











