Rey Varela visita San Pablo-Catabois para repasar cos veciños as actuacións levadas a cabo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+
O rexedor departindo cos veciños

O rexedor departindo cos veciños

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, desprazouse este mediodía a San Pablo-Catabois onde mantivo un encontro de traballo cos representantes veciñais e aproveitou para percorrer a zona. Esta visita serviu para repasar as actuacións de mellora e mantemento levadas a cabo en San Pablo-Catabois dentro da primeira fase do Plan de Barrios posto en marcha polo Goberno Municipal hai aproximadamente catro meses. Na mesma tamén participou a concelleira de barrio, Verónica Casal Míguez, así como os supervisores dos servizos que dependen da Administración municipal.

Rey Varela lembrou aos veciños/as de San Pablo-Catabois que o Plan de Barrios “permite intensificar a presenza na rúa dos servizos municipais un mínimo de dúas veces ao ano para atender ás demandas veciñais e ir cubrindo as deficiencias que poden presentar os diferentes barrios e parroquias do municipio”. No que atinxe ás intervencións feitas en San Pablo-Catabois, o rexedor ferrolán destacou que na última semana tapáronse 33 fochancas en: rúa Paredón, Campo de Chao e Froitel, Camiño do Tiro, rúa Aciñeira, e rúa Valenta. Ademais, pintáronse e sinalizáronse seis pasos de peóns e tres cedas o paso; efectuouse o mantemento e limpeza de 17.350 metros cadrados de zonas verdes e xardíns; limpeza e revisión de elementos dos parques infantís e biosaudable; tarefas de reparación e mantemento en iluminación e abastecemento de auga; e intensificáronse as labores de limpeza viaria no barrio, incluída a eliminación dun vertedoiro incontrolado localizado na parcela situada na esquina da rúa Carballo Calero con Camiño do Paredón.

Ademais de repasar as actuacións do Plan de Barrios, o alcalde avanzou que este ano entrará en funcionamento o Comedor Social no Centro Cívico e Social de San Pablo. Ao respecto, explicou que nestes momentos se encontra en marcha o proceso de contratación desta rede de comedores para persoas maiores que dependen da Concellería de Benestar Social. Unha rede que se amplía de dous a catro comedores, de tal xeito que aos xa existentes de Río Xubia e Caranza sumaranse os de San Pablo e Esteiro. A ampliación da rede de Comedores Sénior é unha das medidas recollidas no Plan de Oportunidades do Concello de Ferrol e para levala a cabo aumentouse o orzamento para este fin  a 90.000 euros. O número de usuarios do Comedor Sénior de San Pablo será de 30. O obxectivo deste servizo municipal é ofrecer unha dieta equilibrada e socializar ás persoas maiores que viven solas.Outra das actuacións das que deu conta Rey Varela, foi a mellora do equipamento do salón de actos do centro cívico do barrio, cun investimento de 1.800 euros.

12 de xullo de 2013 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.