Rey Varela repasou as oportunidades de negocio de Ferrol nas xornadas de motivación para o emprendemento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+
Intervención do alcalde de Ferrol

Intervención do alcalde de Ferrol

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu esta mañá a inauguración das Xornadas de Motivación para o Emprendemento e o Acceso ao Financiamento que se celebrarán ata mañá no Centro Municipal de Emprego. Rey Varela estivo acompañado neste acto polo presidente da Deputación Provincial da Coruña, Diego Calvo Pouso, e pola concelleira de Emprego do Concello de Ferrol, Martina Aneiros Barros.

O primeiro edil da cidade trasladou ao alumando o seu desexo de que estas xornadas sexan proveitosas e lles axuden e animen a levar adiante o seu proxecto de negocio, actividade comercial ou idea empresarial. Ademais, durante a súa intervención, Rey Varela referiuse a algunhas das oportunidades de negocio que presenta Ferrol, e que vinculou co ámbito mariño e naval, así como con toda a actividade que xera o Porto de Ferrol e as súas instalacións en Caneliñas. Ao fío disto, tamén lembrou as actividades, obradoiros e iniciativas que dende a Área de Emprego da Administración ferrolá se desenvolven en colaboración con outras institución e empresas, como poden ser os programas Iserta 2 ou os itinerarios formativos da segunda edición de  “Ferrol, punto de Emprego”.

Arredor de 80 persoas participan hoxe e mañá nestas xornadas de carácter gratuíto que teñen por por obxecto fomentar o emprendemento e dar a coñecer as axudas dispoñibles para a posta en marcha de novos proxectos empresariais. Así, os asistentes a este seminario abordaron hoxe aspectos xerais do emprendemento, como a motivación e a idea empresarial; e unha das fases máis importantes do proceso de emprender un proxecto empresarial: a elaboración do plan de empresa. Na xornada de mañá, que contarán coa colaboración do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrolterra (Aje) e a sociedade Afianzamentos de Galicia (Afigal), realizarase un percorrido sobre as axudas existentes para persoas emprendedoras. A segunda segunda parte da xornada estará dedicada ás fontes de financiamento que poden apoiar a posta en marcha dun proxecto empresarial. O seminario está organizado pola Concellería de Emprego do Concello de Ferrol en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña.

 Ademais, o alcalde de Ferrol e o presidente da institución provincial  aproveitaron este acto inaugural para visitar o curso sobre elaboración de currículo vitae e preparación de procesos selectivos que se está a desenvolver na nova aula de informática do Centro de Emprego do Concello de Ferrol. Nesta acción formativa participan un total de 55 persoas en situación de desemprego.

11 de xullo de 2013 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.