Rey Varela inaugurará as xornadas de motivación para o emprendemento e acceso ao financiamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidirá mañá xoves a inauguración das Xornadas de Motivación para o Emprendemento e o Acceso ao Financiamento que se celebrarán até o venres no Centro Municipal de Emprego. Rey Varela estará acompañado neste acto do presidente da Deputación Provincial da Coruña, Diego Calvo Pouso. O devandito encontro está organizado pola Concellería de Emprego do Concello de Ferrol en colaboración coa institución provincial.

A edil de Emprego, Martina Aneiros Barros, explicou que estas xornadas, de carácter gratuíto, “teñen por obxecto fomentar o emprendemento e dar a coñecer as axudas dispoñibles para a posta en marcha de novos proxectos empresariais”. Así, mañá xoves os asistentes a este seminario abordarán aspectos xerais do emprendemento, como a motivación e a idea empresarial; e unha das fases máis importantes do proceso de emprender un proxecto empresarial: a elaboración do plan de empresa.

Na xornada do venres, que contará coa colaboración do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrolterra (Aje) e a sociedade Afianzamentos de Galicia (Afigal), realizarase un percorrido sobre as axudas existentes para persoas emprendedoras. Ademais, a segunda parte da xornada estará dedicada ás fontes de financiamento que poden apoiar a posta en marcha dun proxecto empresarial. 

10 de xullo de 2013 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.