Rey Varela deu a benvida aos nenos saharauis participantes no programa “Vacacións en paz”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+
Recepción aos cativos saharauís

Recepción aos cativos saharauís

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, recibiu esta mañá aos nenos e nenas saharauis que, procedentes dos campamentos de refuxiados de Tinduff (Alxeria), pasarán o verán na cidade naval con familias de acollida grazas ao programa “Vacacións en Paz”, organizado pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui en colaboración co Concello de Ferrol. No acto de benvida o primeiro edil estivo acompañado da concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, e de representantes dos grupos municipais.

O rexedor municipal deu a benvida aos nenos e nenas que pasarán as súas vacacións en Ferrol. “É un pracer recibirvos un ano máis”, sinalou. Así mesmo, Rey Varela agradeceu a presenza das nove familias acolledoras “estou seguro que os nenos o pasarán moi ben e que para as familias de acollida a súa estancia é un bo recordo”. “Espero que a vosa estancia sexa pracenteira ademais algúns repetides e teredes magníficos recordos do ano pasado”, dixolles o alcalde ferrolá.

O programa “Vacacións en Paz” ofrece aos menores saharauís a posibilidade de coñecer formas de vida diferentes, de maneira que contribúa non só á súa formación, senón tamén a mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento entre os pobos de España e o saharauí. Os obxectivos desta iniciativa son a reivindicación dos dereitos dos menores saharauis a vivir no Sáhara Occidental e a posta en manifesto da situación actual na que viven; facilitar a asistencia médica e de alimentación; promover entre a sociedade ferrolá os valores de tolerancia e solidariedade; perfeccionar a aprendizaxe da lingua castelán e galega; ofertar unha alternativa de ocio e tempo libre e evitar a súa estancia nos campamentos durante os meses de xullo e agosto onde as temperaturas chegan ata os 50 graos centígrados.

9 de xullo de 2013 | 15:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.