Rey Varela anuncia avances en novos proxectos de transformación urbanística

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O Goberno Municipal de Ferrol, que preside Jose Manuel Rey Varela, iniciou a semana laboral coa aprobación de varios acordos en tres direccións: a transformación urbanística da cidade, avanzar cara un Ferrol máis verde e propostas de carácter social en que se dan prioridade ás persoas con menos recursos económicos. Así, Rey Varela, acompañado da voceira do Executivo local e do concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación –Martina Aneiros Barros e Guillermo Evia Pérez, respectivamente- deu conta dos asuntos aprobados esta mañá en Xunta de Goberno Local.

No ámbito urbanístico, o Concello de Ferrol aprobou a redacción do proxecto básico e de execución de dúas intervencións que responden, en ambos casos, a compromisos recollidos no proxecto de cidade Ferrol 2020 e reiterados polo propio rexedor ferrolán ante os veciños do Ensanche A e Canido con motivo do Plan de Barrios. Trátase da reurbanización da praza de Río do Tronco, no Ensanche A, e da construción do Centro Cívico, para Persoas Maiores e de Atención á Infancia, en Canido. No que atinxe a primeira destas actuacións, Rey Varela anunciou que será a empresa Estudio Anta Arquitectos S.L.P a que se encargará da redacción do proxecto por un importe de 25.451,99 euros (IVE incluído). “O obxectivo desta actuación é recuperar un espazo hoxe degradado de tal xeito que sexa compatible o seu goce por parte dos veciños coas necesidades de aparcamento que hai na zona”, dixo Rey Varela. Así mesmo, engadiu que a reurbanizaciön de Río do Tronco debe ter en contra a presencia na zona de varios centros de ensino, así como as propostas que fagan os veciños. Ao respecto, o primeiro edil sinalou que o equipo redactor do proxecto reunirase cos representantes veciñais do Ensanche A para avanzar na proposta construtiva definitiva. O investimento previsto nesta intervención ascende é duns 424.000 euros.

En canto ao novo equipamento de carácter social e dotacional que o executivo de Rey Varela construirá en Canido, este emprazarase nunha  parcela de 850 metros cadrados na rúa Pérez Parallé. O inmoble funcionará como centro cívico, Centro de día para persoas maiores e punto de atención á infancia, tal e como demandaban os veciños do barrio. O investimento estimado para a construción desta infraestrutura ascende a 1,1 millóns de euros e son fondos recollidos no Programa Urban da Unión Europea que está a desenvolver o Concello de Ferrol. A firma Iglesias Veiga Arquitectos S.L.P encararase da elaboración do proxecto de obra por un importe de 67.838,65 euros (21% de IVE incluído e un prazo de redacción de tres meses.

Becas de comedor escolar e para material escolar

Noutra orde de cousas, a Xunta de Goberno Local deu luz verde as bases reguladoras das axudas para comedor escolar e para a compra de material escolar e libros de texto. Ao igual que nas convocatorias anteriores aprobadas polo actual executivo, para o vindeiro curso escolar 2013-2014 non haberá teito de gasto para estas axudas, “para que ninguén se quede sen beca cando cumpre os requisitos”, apuntou Rey Varela. Ademais, o alcalde explicou que no curso que vén de rematar, o Concello de Ferrol outorgou un total de 350 becas de comedor: 226 a escolares de colexios públicos, e as 124 restantes a alumado de centros concertados. Así mesmo, concedéronse outros 648 axudas para a compra de libros e diverso material escolar.

Ademais, no ámbito educativo e social, o Goberno Municipal aprobou a licitación do programa educativo municipal de actividades extraescolares para o vindeiro ano académico, por un importe de 105.656,32 euros (IVE incluído). O Goberno Municipal elaborou esta oferta de actividades en función das preferencias manifestadas polas comunidades educativas dos 10 CEIP da cidade nas que se desenvolverán durante os meses de outubro a maio. En relación co programa extraescolar que vén de rematar, o do vindeiro curso inclúe catro novas propostas relacionadas co medio ambiente e o respecto ao entorno natural.

Novo obradoiro de emprego

Outro dos eixes de actuación prioritarios do Goberno Municipal é avanzar cara a recuperación de espazos degradados do municipio coa finalidade de conseguir un Ferrol máis verde e, ao mesmo tempo, aproveitar esta posta en valor e xeración de novas zonas verdes e axardinadas para fomentar a formación e o emprego neste sector.  Nesta liña, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o proxecto e a solicitude de subvención para levar a cabo un novo obradoiro de emprego que dará continuidade ao “Ferrol Verde” desenvolvido entre os meses de decembro e xuño.

O obxectivo deste segundo obradoiro, para o que o Concello de Ferrol pediu unha subvención á Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, é a recuperación da parcela municipal de 27.000 metros cadrados situada na península do Montón. A través desta iniciativa, o Concello de Ferrol formará a unha trintena de persoas do municipio en situación de desemprego en dúas especialidades: albanelería e técnico/a en conservación e mellora de montes. O executivo que preside Rey Varela valorou en 315.357,80 euros a execución deste proxecto, para o que pediu unha axuda á Administración autonómica por valor de 265.557,80 euros.

Por último, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación á empresa Utramic S.L. do contrato de eliminación dos vertedoiros incontrolados, por un ano de vixencia e un orzamento de 10.000 euros.

8 de xullo de 2013 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.